A EXPOSICIÓN “MANUEL COLMEIRO. A PINTURA, ANTES DE PINTAR” RECIBE MÁIS DE 4 MIL VISITAS NO MUSEO

A EXPOSICIÓN “MANUEL COLMEIRO. A PINTURA, ANTES DE PINTAR” RECIBE MÁIS DE 4 MIL VISITAS NO MUSEO
Luns 21 de Maio de 2018 - Lara Rodríguez considera que a mostra composta por 40 obras do artista trasdezao alcanzou un “éxito rotundo e sen precedentes”. Foron numerosas as visitas de centros educativos, colectivos, coleccionistas e persoas amantes das artes plásticas e da obra do pintor Colmeiro. A concelleira agradeceu a “solvencia e o enorme traballo” do comisario da mostra, David Barro.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, fixo hoxe balance da mostra pictórica “Manuel Colmeiro. A pintura, antes de pintar”, que hoxe, ás 21.00 horas, pecha as súas portas ao público tras dous meses de exposición no Museo Municipal Ramón Mª Aller. A edil cualificou como un “éxito rotundo e sen precedentes” o que alcanzou esta retrospectiva pictórica composta por 40 obras de diferentes etapas do artista trasdezao. E o número de visitas así o corrobora, pois as persoas que contemplaron a exposición segundo os datos rexistrados polo persoal do museo foron 4.385, procedentes do propio concello de Lalín, así como doutras partes de Galicia e do resto do Estado.

Lara Rodríguez explicou que durante os meses que permaneceu aberta a mostra foron moi numerosas as visitas de colexios, institutos, colectivos e excursións organizadas, ademais de coleccionistas e persoas por conta propia con interese na obra do pintor Colmeiro. Sen ir máis lonxe, durante o día de hoxe, última xornada de apertura da mostra para as persoas amantes da obra pictórica do artista silledense, o museo recibiu a visita de decenas de alumnos e alumnas do IES Laxeiro e do CPR Plurilingüe Vila do Arenteiro.

A titular de Cultura apuntou que o éxito incuestionable desta proposta cultural foi posible grazas á propia calidade da obra exposta, pero tamén á “solvencia e enorme traballo” do comisario da mostra, o ferrolán David Barro a quen lle expresou os seus agradecementos en nome do Concello de Lalín. Lara Rodríguez puxo de relevo que esta exposición, ademais de ser dunha incuestionable calidade a todos os niveis, foi a única con obras en exclusiva do Pintor Colmeiro, posto que anteriormente os traballos deste artista -unha das grandes figuras do movemento renovador da arte galega- sempre estiveran expostos xunto a obras doutros autores.

Finalmente, a concelleira enmarcou o éxito de “Manuel Colmeiro. A pintura, antes de pintar” dentro do inxente traballo da concellería de Cultura para abrir unha nova etapa dentro da aposta cultural municipal que permitiu revitalizar o museo e atraer multitude de visitantes con outras iniciativas como a exposición de Ruth Matilda ou a reformulada bienal de arte Pintor Laxeiro.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín