A EXECUCIÓN DE OBRA FÍSICA DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA21 ARRANCARÁ COA REHABILITACIÓN DO CONXUNTO HISTÓRICO DE LALÍN DE ARRIBA

A EXECUCIÓN DE OBRA FÍSICA DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA21 ARRANCARÁ COA REHABILITACIÓN DO CONXUNTO HISTÓRICO DE LALÍN DE ARRIBA
Luns 6 de Marzo de 2017 - O proxecto conta cun orzamento total de inversión de 281.250 euros. A actuación busca, segundo o tenente de alcalde, “recuperar o sentido histórico deste punto, onde está a orixe de Lalín e que é, ademais, a entrada do Camiño de Inverno á vila”. Rafael Cuíña enmarcou a obra dentro do compromiso do Goberno co patrimonio e cunha das parroquias máis importantes do municipio.

O concelleiro de Urbanismo e Tenente de alcalde, Nicolás González Casares, vén de anunciar que a primeira das actuacións que contemplan a realización de obra física que se porá en marcha dentro da Estratexia DUSI Lalín Ssuma21, será a rehabilitación do conxunto histórico de Lalín de Arriba. Este proxecto enmárcase dentro do obxectivo temático número 6 da estratexia de desenvolvemento urbanos sustentable a través da que lle foron concedidos ao Concello de Lalín 5 millóns de fondos europeos para investir en diferentes proxectos. Dito obxectivo temático acolle as iniciativas de protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio histórico, cultural e natural.

Segundo indicou o edil, o proxecto conta cun orzamento total de inversión de 281.250 euros. Serán investidos na humanización, principalmente, do entorno da igrexa parroquial, a través de actuacións como o enlousado dos espazos, a adecuación das calzadas, ou o ensanchamento das zonas verdes próximas. Casares achegouse esta semana ao lugar acompañado do arquitecto municipal que xa está redactando o proxecto. Unha vez rematado seralle remitido á dirección xeral de Patrimonio e procederase á solicitude de financiación para a obra, que podería dar comezo de cara o último trimestre do ano.

O tenente de alcalde considera moi importante a rehabilitación desta zona de Lalín de Arriba entre outras cousas, por ser “a primeira cara de Lalín polo Camiño de Inverno, servindo así de carta de presentación aos peregrinos da nosa vila”. Neste senso explicou que o que se busca con esta obra é “humanizar a zona que se pode considerar o “corazón de Lalín de Arriba” para recuperar dalgún xeito a súa historia”. “Trátase” -continua- “de dar significación a este lugar tan acolledor e poñer en valor o punto de orixe histórica de Lalín, mediante empedrados, arranxo de viais, aumento de zonas verdes, ou dotación de simboloxía correcta do Camiño de Inverno, unha ruta xacobea que o Goberno está a promocionar como eixo de dinamización económica e social”. O titular de Urbanismo indicou que proximamente se convocarán reunións coa veciñanza de Lalín de Arriba para abordar esta actuación lembrando que “o Lalín Ssuma21 é un proxecto colaborativo que, porén, está aberto a todo tipo de suxerencias, propostas e ideas cidadás”.

Pola súa banda o alcalde, Rafael Cuíña, tamén puxo de relevo esta actuación, indicando que se enmarca “dentro do compromiso do Goberno de Lalín coa recuperación e posta en valor do patrimonio histórico e coa responsabilidade do Concello cunha das parroquias principais do municipio, cunhas características moi especiais, por estar case enteiramente integrada no núcleo urbano”. 

Roteiros de Lalín