A ENORME SATISFACCIÓN DOS COMENSAIS QUE PARTICIPARON NO XIX MES DO COCIDO CERTIFICA E CONSOLIDA A EXCELENCIA DO COCIDO DE LALÍN

A ENORME SATISFACCIÓN DOS COMENSAIS QUE PARTICIPARON NO XIX MES DO COCIDO CERTIFICA E CONSOLIDA A EXCELENCIA DO COCIDO DE LALÍN
Mércores 29 de Marzo de 2017 - O 98% recomendaríanlle a outra persoa vivir a experiencia de comer un cocido en Lalín, mentres que o 86% cualifica o servizo prestado nos establecementos como moi bo. Francisco Vilariño sinala que os “magníficos resultados do XIX Mes do Cocido non fan máis que mostrar que o Cocido de Lalín goza de mellor saúde ca nunca”. Considera que o Cocido “é un éxito colectivo que é posible, en gran parte, grazas ao bo facer da hostalería que coida cada vez máis o prato insignia da gastronomía galega”.

Os restaurantes lalinenses que participaron no XIX Mes do Cocido recibiron esta tarde no Concello os informes cos resultados personalizados extraídos das enquisas do Compromiso de Calidade do Cocido de Lalín, que cubriron de modo voluntario centos de comensais que de San Amaro a San Valentín participaron nesta iniciativa. A conclusión xeral que se arranca tras a realización dunha detallada análise dos cuestionarios -que foi posible grazas á ferramenta informática creada polo departamento de Novas Tecnoloxías- é que a calidade e a excelencia do Cocido de Lalín están plenamente consolidadas, como se desprende da moi alta satisfacción dos clientes que se achegaron a degustar o prato rei da gastronomía galega ao noso concello.

No acto desta tarde estiveron presentes o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e o edil de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño. En total depositaron as enquisas nas urnas de 25 restaurantes do Mes do Cocido 2.568 comensais, un 33,9% máis que na edición anterior, dos que 2.522 (98%) lle recomendarían a outra persoa vivir a experiencia de comer un cocido en Lalín. O 86% cualifica o servizo prestado nos establecementos como moi bo, a mesma valoración que realizan maioritariamente da calidade da materia prima (82%), da presentación (79%) e das instalacións (75%). Por outra banda o boca a boca segue consolidado como a principal forma de coñecer o Cocido de Lalín, posto que 1.830 clientes din ter coñecido este prato a partir de amigos ou familia, unha cifra moi por enriba dos que o fixeron a través da prensa (142) ou de internet e redes sociais (89).

Outro dato destacable pasa polo lugar de procedencia dos comensais ao comprobarse que ata un 40% dos mesmos proveñen de fóra da provincia. Isto reflicte a importancia e o éxito de iniciativas de difusión como o Cocido en Ruta posto en marcha xa na pasada edición da Feira do Cocido. Segundo as enquisas o 32% dos clientes do XIX Mes do Cocido proceden da propia comarca do Deza, mentres que o 22% chegan dende outras zonas de Pontevedra e o 5% o fan dende fóra de Galicia. O prezo do prato é outro dos factores que de maneira maioritaria se valora positivamente pola clientela, considerándoo moi bo 1.818 persoas e bo 563.

O selo do Compromiso de Calidade do Cocido de Lalín, que se entregou aos restaurantes que superaron os requisitos, ten como obxectivo avanzar, baixo a implicación dos propios hostaleiros, cara a consecución dun prato elaborado cos mellores produtos, ao tempo que se garante a mellor atención e servizo en cada local. Os acordos do compromiso, así como as preguntas plantexadas nas enquisas foron aprobados polos mesmos restauradores e recollen, entre outras cuestións, o aval de que o establecemento deberá estar nas mellores condicións e que se dará a posibilidade de efectuar reservas. Así mesmo, establecen a garantía de que o cocido estará feito seguindo a receita oficial, ou que as sobremesas serán as tradicionais galegas.

En palabras do responsable de Turismo, Francisco Vilariño, os “magníficos resultados do XIX Mes do Cocido non fan máis que mostrar que o Cocido de Lalín goza de mellor saúde ca nunca”. Isto corrobórase, ao mesmo tempo, cando se observa que a do 2017 foi a Feira do Cocido coa maior asistencia da historia, ou que se estableceu o récord de cocidos servidos nos restaurantes locais. Segundo o edil o Cocido “é un éxito colectivo que reside en todo o pobo polos beneficios que aporta ao noso municipio e en particular para o sector da hostalería, cuxo bo facer é unha das principais causas deste excelente rendemento”. Nesta mesma liña engade que “a inigualable calidade dos produtos que se ofrecen nos nosos restaurantes senta as bases para garantir este éxito”, indicando, a modo de reflexión persoal, que “este é un dos nosos principais factores diferenciadores, posto que por máis que noutros concellos tratasen de facer o mesmo, nunca obterían este éxito”.

Francisco Vilariño subliña que “os datos do Mes do Cocido avalan a incuestionable mellora que se produciu nos últimos anos, consolidando a excelencia dun prato que cada día se coida máis, como se reflicte en que practicamente non se poñen reparos sobre o servizo ou sobre a calidade do prato, mentres que vir a Lalín comer un cocido se afianza como unha actividade que cada vez realizan máis persoas”. O concelleiro puxo de relevo, finalmente, “a enorme utilidade” da ferramenta informática deseñada polo Concello para a análise dos datos das enquisas e que se estreou o ano pasado. Esta aplicación permite extraer unhas conclusións moi detalladas que son de enorme aproveitamento para os hostaleiros e que tería un custe moi elevado se non a afrontara o Concello. Neste sentido agradeceu o “enorme traballo de Tomás Vilariño e de todo o departamento de informática”.

Pola súa banda, Rafael Cuíña indicou que “os extraordinarios resultados do Mes do Cocido avalan, unha vez máis, que o esforzo dos nosos restauradores e, en xeral de todo o pobo de Lalín por ofrecer o mellor servizo e os mellores produtos ten a súa recompensa, xa que cada vez son máis os que nos visitan para degustar o mellor Cocido e a satisfacción coa que marchan é maior”.

O acto de entrega de informes tamén serviu para realizar o sorteo de premios entre os participantes nas enquisas. Os agasallos consistiron unha noite para dúas persoas no Hotel Villanueva con visita ao museo Casa do patrón e a degustación dun cocido no Restaurante La Molinera. Tamén se sorteou unha noite con spa para dúas persoas no Hotel spa Norat torre do Deza máis un cocido na Parrillada Taboada, así como unha noite no Pazo de Bendoiro e un Cocido no Restaurante Catro Camiños, ademais dun Cocido para 4 persoas no Restaurante Casa Currás.

Roteiros de Lalín