DOADE, CERCIO, A XESTA E XAXÁN CANDIDATAS NA TERCEIRA EDICIÓN DA DISTINCIÓN ALDEA SINGULAR

DOADE, CERCIO, A XESTA E XAXÁN CANDIDATAS NA TERCEIRA EDICIÓN DA DISTINCIÓN ALDEA SINGULAR
Mércores 10 de Xaneiro de 2018 - O galardón será entregado dentro dos actos oficiais da 50 Feira do Cocido e recoñecerá a aquel núcleo rural que máis destaque polo coidado dos seus espazos así como polo seu dinamismo social. O xurado celebrará nos próximos días a primeira reunión e ten previsto emitir o fallo na segunda quincena de xaneiro. O premio enmárcase dentro das medidas do Goberno para a promoción, a dignificación e a recuperación do rural.

Catro núcleos rurais do Concello de Lalín optan a facerse coa terceira edición da distinción Aldea Singular posta en marcha polo Goberno local coa pretensión de poñer en valor o rural recoñecendo a aquela aldea ou parroquia do municipio que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural, ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural, integración veciñal etc. As parroquias que finalmente presentaron a súa candidatura en tempo e forma foron A Xesta, Cercio, Doade e Xaxán. O galardón será entregado dentro dos actos oficiais da 50 Feira do Cocido, que se celebra o vindeiro domingo, día 4 de febreiro.

Os proxectos para Doade e Cercio foron presentados polas asociacións Amigos do Museo Casa do Patrón e Asociación Cultural A Carballeira de Cercio, respectivamente, mentres que os de A Xesta e Xaxán as formalizaron as asociacións de veciños parroquiais. Esta distinción pioneira ten unha dotación económica de 15.000 euros que o núcleo gañador debe investir en actuacións que redunden beneficiosamente para conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público. Así, os investimentos deberán estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos, mellora de alumeado público ou aforro enerxético, melloras e/ou construcións de saneamentos, canalizacións etc.

O xurado que valorará os proxectos presentados vai manter a primeira reunión nos próximos días, coa finalidade de emitir o fallo na segunda quincena do mes. Este tribunal está composto polo alcalde de Lalín, que será o presidente, e polos concelleiros e concelleiras de Urbanismo, Cultura, Rural e Facenda. Nesta edición tamén formará parte do xurado un concelleiro designado pola oposición, así como un técnico municipal de urbanismo, un profesional independente da arquitectura e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental. O grupo valorará a conservación urbanística e arquitectónica de cada candidatura, a súa integración na paisaxe e o coidado dos seus valores naturais, sen esquecerse da súa actividade sociocultural e do proxecto de actuacións presentado, outorgándolle a condecoración a aquela que obteña maior puntuación dun total de 100 puntos.

O Goberno de Lalín quere mostrar o seu agradecemento polo esforzo realizado por cada unha das parroquias candidatas nesta terceira edición do premio. “Aínda que polo de agora non se entrou a valorar os proxectos, simplemente coa verificación da documentación se pode apreciar o gran traballo dos veciños e veciñas, con propostas moi elaboradas e de gran nivel, que farán moi difícil a decisión do xurado”.

O Concello de Lalín “continúa coa súa aposta firme pola recuperación, dignificación e dotación de servizos ao rural, unha prioridade que se reflicte coa posta en marcha deste galardón, que chega á súa terceira edición coincidindo co medio século de vida da Feira do Cocido e que se pretende consolidar no tempo como exemplo dun Concello cun rural vivo, dinámico e exemplar”.

Roteiros de Lalín