DEPUTACIÓN E CONCELLO DE LALÍN PRESENTARÁN O DÍA 2 DE OUTUBRO NA CAPITAL DO DEZA A NOVA CAMPAÑA DE POTENCIACIÓN DO VIVEIRO

DEPUTACIÓN E CONCELLO DE LALÍN PRESENTARÁN O DÍA 2 DE OUTUBRO NA CAPITAL DO DEZA A NOVA CAMPAÑA DE POTENCIACIÓN DO VIVEIRO
Xoves 21 de Septembro de 2017 - A Presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Rafael Cuiña, pecharon hoxe en Pontevedra una ampla batería de iniciativas destinadas a promover o emprendemento nas instalacións.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, decidiron hoxe, nunha reunión no Pazo Provincial, a presentación o próximo 2 de outubro dun ambicioso programa de actuacións para seguir potenciando as instalacións do Viveiro. A presentación, que se celebrará no Concello do Deza, incluirá medidas relacionadas coa difusión, actividades cos colectivos empresariais e comerciais, emprendemento, ou actuacións de coworking, entre outros. Todo o plan de acción será definido en colaboración co Concello de Lalín e posto en marcha de xeito conxunto.

A reunión de este mércores foi solicitada onte polo alcalde de Lalín e nela, ademais de pechar a data do día 2, acordouse definir entre ambas as partes todas as accións a desenvolver para as que se convocará a axentes empresariais e sociais da capital do Deza. O propio alcalde Cuiña se reunirá de forma inmediata cos emprendedores e emprendedoras do Viveiro para recoller aquelas suxestións o melloras que queiran propor, e que se avaliarán na reunión do 2 de outubro, a fin de ter en conta as súas demandas.

Tras a conversa con Rafael Cuiña, a presidenta provincial Carmela Silva insistiu en que “esta é a miña forma de entender a política e una vez máis quero agradecer a lealdade institucional de gobernos como o do Concello de Lalín, e do seu alcalde, que fai propostas en positivo para traballar xuntos dun xeito que favoreza todo o posible ás veciñas e veciños. Estou convencida, engadiu, en que faremos un bo traballo que redundará aínda máis no desenvolvemento do Viveiro. O noso compromiso é total desde a Deputación como xa dixen o día que estivemos en Liñares”.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín agradeceu “a inmediata resposta da Presidenta da Deputación na procura de solucións que permitan potenciar o Viveiro de Empresas e dar cobertura ás necesidades reais dos emprendedores da zona”. Rafael Cuíña amosou o seu convencemento de que “as permanentes canles de colaboración e o bo entendemento que mantén o Concello de Lalín co organismo provincial servirán para facer do Viveiro unha ferramenta realmente útil e eficaz para contribuír a dinamizar a economía local, e en consecuencia a de toda a provincia, e tamén para favorecer a creación de emprego”.

Por último, o rexedor contrapuxo a rápida resposta que está a dar a Deputación provincial ás necesidades que se lle suscitan dende o Concello de Lalín coa amosada por outras administracións, “como a Xunta de Galicia, que leva meses dando a calada por resposta as nosas reiteradas solicitudes de reunión para analizar a construción do Centro de Alta Resolución”. “É a diferencia palpable”, conclúe Cuíña, “entre unha administración que pon de relevo ao noso concello e se preocupa polos intereses das nosas veciñas e veciños e outra que discrimina claramente a todos os lalinenses”.  

Roteiros de Lalín