CUÍÑA PRESÉNTALLE AOS VECIÑOS DE GOIÁS O PROXECTO PARA LEVAR O ABASTECEMENTO A CÁCEME, A IGREXA E CASAS NOVAS

CUÍÑA PRESÉNTALLE AOS VECIÑOS DE GOIÁS O PROXECTO PARA LEVAR O ABASTECEMENTO A CÁCEME, A IGREXA E CASAS NOVAS
Martes 7 de Novembro de 2017 - A iniciativa, que contempla un investimento de preto de 60 mil euros, levarase para a súa aprobación ao vindeiro Pleno municipal. O alcalde salienta que, desta maneira, dáselle cumprimento aos firmes compromisos adquiridos nos últimos meses coa veciñanza de Goiás.

O Concello de Lalín xa ten rematada a redacción dos proxectos para levar a traída de auga aos lugares de Cáceme, A Igrexa e Casas Novas. Así o anunciou o alcalde de Lalín na xuntanza que mantivo esta noite con veciños da parroquia de Goiás, xuntanza na que ademais se lles explicou polo miúdo aos asistentes as características técnicas e económicas desta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 60 mil euros.

Rafael Cuíña tamén anunciou que este proxecto se levará para a súa aprobación ao vindeiro Pleno municipal, que terá lugar o luns, 6 de novembro. Desta maneira, tal e como afirma o rexedor, “dáselle estrito cumprimento aos firmes compromisos adquiridos nos últimos meses coa veciñanza de Goiás e reiterados de maneira inequívoca nas últimas reunións celebradas ao longo do mes de outubro”.

Tal e como indicou o alcalde no encontro veciñal de hoxe, os lugares de Cáceme e A Igrexa dispoñen de abastecemento veciñal, que resulta deficitario nos meses de agosto, setembro e outubro, debido á escaseza de choivas e ao conseguinte descenso do nivel freático. Esta circunstancia chega a producir un servizo de abastecemento de auga intermitente nas horas de maior consumo. Por outra banda, tamén cómpre ter en conta que nestes lugares -e en maior número no lugar da Igrexa- construíronse unha serie de vivendas posteriores á implantación da traída veciñal que non teñen abastecemento colectivo, o que na actualidade se resolve de forma autónoma con pozos que poden posuír algún grao de contaminación ou asumen riscos de contaminarse.

Para solucionar esta situación, e dar resposta ás demandas dos habitantes, está previsto que para levar a traída a Cáceme se estableza unha rede lineal ao longo da pista que vai de Pareizo á estrada nacional 640, que discorrerá tamén pola propia pista de acceso a Cáceme e que conectará coa rede municipal no lugar de Reboira. Canto ao abastecemento da Igrexa, terá conexión coa rede municipal á altura da bifurcación da pista de Casares. Terá un ramal á cooperativa de Goiás con desvío á Igrexa, ás vivendas do antigo campo da festa, e outro ramal ao longo do camiño ao depósito de auga veciñal.

Os traballos consistirán na escavación de gabias, na colocación das conducións necesarias, na instalación de arquetas e na reposición do firme afectado. Segundo a memoria técnica, o prazo de execución destas actuacións será dun máximo dun mes contado dende a sinatura da acta de replanteo e terán un ano de garantía dende a súa recepción.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín