O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, vén de manter unha nova xuntanza na Xunta de Galicia, dentro da rolda de contactos que está a ter con mandatarios autonómicos para tratar temas urxentes de gran relevancia para Lalín nestes comezos de mandato. Nesta ocasión entrevistouse coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Crespo pediulle a Ethel Vázquez “a máxima celeridade para que, no marco da Operación Feder de Saneamento e Depuración contemplada para Lalín, se axilice o posible a adxudicación do Plan Director de Saneamento para o que a Consellería iniciou o proceso de licitación o pasado mes de abril”.
O obxecto deste Plan Director é facer un diagnóstico de como está o saneamento en Lalín e marcará as liñas mestras a seguir, de aí que se “trata -explica o rexedor- de coñecer canto antes o resultado final do Plan Director para ter claro que accións vai acometer a Consellería e cales teremos que acometer desde o Concello” e establecer deste xeito un programa consensuado de actuacións de saneamento “a fin de redactar os proxectos o antes posible”. Cómpre lembrar que este asunto xa fora exposto polo alcalde na reunión que mantivo coa directora de Augas de Galicia, Teresa Mª Gutiérrez López, a finais do pasado mes xuño.
Neste sentido o alcalde de Lalín remarca que “o Plan de Saneamento é un plan estrela para os vindeiros catro anos e por iso lle pedimos á Xunta celeridade no seu desenvolvemento para saber canto antes que actuacións acometerá a Consellería e cales o Concello porque neste mandato queremos facer un investimento histórico en saneamento”, dos maiores de Galicia.
Crespo tamén se interesou ante a conselleira ao respecto da fase en que se atopa o compromiso de dotar a Dozón de acceso á AG-53 en dirección a Ourense, e sobre o que obtivo a resposta de Vázquez de que despois do verán se vai sacar o expediente de expropiación de terreos que fan falta para acometer o dito enlace viario.
“Así mesmo a conselleira explicoume con respecto á posibilidade de incorporar Lalín ao Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, que no novo Plan de Transporte que a Xunta está preparando para toda Galicia haberá unha área única de transporte”. A área única de transporte suporá que todos os veciños poderán contar coas mesmas vantaxes que teñen agora mesmo os das áreas metropolitanas.
SUBVENCIÓN PLAN CONTRA A SECA
Por último, Crespo tamén lle expuxo que o Concello de Lalín vén de presentar unha subvención á Consellería correspondente á redacción dun plan de emerxencia contra a situación da seca. “Ningún concello ten neste momento plan contra a seca, haberá que ver cantos presentan solicitude e confiar en que a nosa nola concedan”, conclúe.
Crespo agradeceu a Ethel Vázquez o “clima de máxima cordialidade” no que se desenvolveu o encontro, así como a “súa preocupación para con Lalín”.