CRESPO EXPLICA A GONZÁLEZ VÁZQUEZ QUE “O OBXECTIVO DE LALÍN PARA CON MEDIO RURAL É ACADAR A CONSTRUCIÓN DO EDIFICIO MULTIFUNCIONAL”

CRESPO EXPLICA A GONZÁLEZ VÁZQUEZ QUE “O OBXECTIVO DE LALÍN PARA CON MEDIO RURAL É ACADAR A CONSTRUCIÓN DO EDIFICIO MULTIFUNCIONAL”
Mércores 17 de Xullo de 2019 - O alcalde destaca a empatía e a acollida que lle brindou o conselleiro e indica que foi unha reunión moi produtiva, na que “o conselleiro dixo que ía a estudar o tema con cariño e confío en que nos poda dicir que si”

O alcalde de Lalín prosegue a súa rolda de encontros con dirixentes autonómicos para plantexarlles temas de especial importancia para Lalín neste comezo de mandato. Así, José Crespo vén de entrevistarse onte co conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez.

Unha xuntanza, que se prolongou por máis de dúas horas, e da que o rexedor destacou “a moi boa acollida e a empatía que me amosou o conselleiro”, así como un “balance moi positivo”. “A recepción por parte do conselleiro non puido ser mellor; teño que dicir que deu moi boas vibracións; é un conselleiro co que me entendo magnificamente; os dous falamos o mesmo idioma con respecto á idea que temos sobre o rural”, destaca Crespo.

Foi unha reunión que me encantou na que falamos dos temas que levaba para tratar e tamén doutros; destaco a sensibilidade do conselleiro co rural, coa que comungo con moitísimos dos seus plantexamentos”, afirma.

Crespo explica que “puxemos enriba da mesa a apertura da nova oficina da rúa da Ponte na que están traballando para podela abrir canto antes”. “O conselleiro díxome que a idea é a de contratar a última parte de material para poder entrar o antes posible”, salienta. “O cálculo é que no mes de setembro se poida abrir xa ao público; quedan algúns detalles, pero indicoume que á volta de vacacións pouco debería faltar para poder abrila”, concreta.

Pero tamén xa lle informei ao conselleiro que para min esa oficina é algo temporal, no sentido de que os obxectivos que nós temos para coa Consellería do Medio Rural son moito máis ambiciosos”, sostén. “A proposta que lle fixen foi construír o edificio de Medio Rural, do que xa se asinara o protocolo de colaboración no 2008; do que en 2011 se fixera a presentación do proxecto en Lalín por parte do conselleiro Samuel Juárez e que por mor da crise daquela quedou en stand by”, argumenta.

Crespo Iglesias asevera que “eu quero seguir loitando por esa construción dese novo edificio de Medio Rural e así llo fixen ver ao conselleiro e lle dixen que as oficinas de medio rural era bo centralizadas nunha única sede e que non estiveran disgregadas por todo Lalín”. “O conselleiro veuno con bos ollos; vai estudar o tema e eu expliqueille que se ben a oficina nova podía cumprir unha serie de requisitos que podían valer para agora, os obxectivos que temos é lograr a construción dese edificio multifuncional de Medio Rural e para iso demos un dos mellores solares que hai no Concello de Lalín para facelo”, sinala.

Hai que recoñecer que o solar que cedemos é de primeira división: é grande, ten capacidade para construír o edificio proxectado e mais outro tanto; está situado nunha zona na que hai bos aparcamentos e bo acceso desde a circunvalación”, puntualiza.

En definitiva, trátase dun proxecto moito máis ambicioso que a oficina que se vai abrir na rúa Ponte; neste tema fixen fincapé e pedinlle ao conselleiro que fixese efectivo o compromiso económico para a construción deste edificio multifuncional de Medio Rural en Lalín e poder iniciar canto antes a construción”, subliña.

Incide en que “a oficina da rúa Ponte é unha solución provisional e, polo tanto, pedimos que o compromiso que adquiriu a Consellería no ano 2008, que foi presentado publicamente en 2011, e que coa crise quedou desprazado, agora é hora de que se cumpra”. “O conselleiro dixo que ía estudar o tema con cariño e confío en que nos poida dicir que si”. “Sería un edificio que integraría, ademais de Extensión Agraria, todos os servizos que teñen ver con medio rural”. Ao respecto afirma que se “poderíase facer en varias fases e incluso concentrar todos os servizos que actualmente ten a Xunta -e que presta en varios locais-, nun só edificio interadministrativo da Xunta en Lalín.

PARCELARIAS

O alcalde tamén aproveitou o encontro con González Vázquez para “ademais de falar da construción do edificio de Medio Rural e da posta en marcha canto antes da oficina na rúa Ponte para resolver o problema da oficina terceiromundista que temos agora mesmo na rúa Arenal, para pedirlle que decretara, en canto fose posible, tres concentracións parcelarias: a de Cristimil, a de Galegos e a de Goiás-Xaxán-A Veiga”.

Ademais, tamén lle solicitei que, dentro do posible, se acelerara o proceso que falta por acabar en Losón, Anzo, Bermés, Madriñán, Méixome, Noceda e Sello, así como o desbroce das pistas da concentración de Bermés, Sello e Val”, detalla Crespo.

Tamén lle falei doutras propostas de interese para que a Consellería bote unha man, na medida das posibilidades, como o impulso ao mercado de proximidade e a produtos de horta local ou a celebración en Lalín dun foro de debate sectorial sobre o futuro do medio rural”, conclúe.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín