CRESPO E ANXO GARCÍA ASINARON O CONVENIO PARA QUE O MUSEO DO TÍTERE SE ASENTE NO PAZO DE LIÑARES COMO PARTE DAS ACTIVIDADES DO COLECTOR CULTURAL ESPAZO LIÑARES-LALINLAB

O convenio asinouse no Pazo de Liñares
Xoves 4 de Septembro de 2014 - O Museo Galego da Marioneta ocupará arredor de 250 metros cadrados da estrutura do Pazo en dúas zonas diferenciadas situadas a ambos lados da entrada principal do Pazo.

O alcalde de Lalín, José Crespo, e Anxo García, en representación de Viravolta, asinaron esta tarde o convenio que permitirá que o Museo Galego da Marioneta se estableza no Pazo de Liñares como o primeiro dos contidos que se asentará no colector cultural Espazo Liñares-LalinLab, ademais da concretada a instalación neste centenario espazo lalinense do Centro de Xestión da Cultura Castrexa.

 

No acto, Crespo e García estiveron acompañados da concelleira de Cultura, María Álvarez, e dos outros dous membros de Viravolta, Julio Balado e Pilar Álvarez que amosaron a súa satisfacción polo acordo ante unha ampla representación da corporación lalinense que pudo ollar como algúns dos títeres que conformarán parte do fondo museístico do Museo da Marioneta, único en Galicia e con pezas de moi alto valor cultural, xa adornaban parte das paredes non só do salón noble que acolleu o acto de sinatura, senón das dúas salas expositivas que ocupará o Museo.

 

O Museo Galego da Marioneta ocupará arredor de 250 metros cadrados da estrutura do Pazo en dúas zonas diferenciadas situadas a ambos lados da entrada principal do Pazo. A zona expositiva, onde se situará o importante fondo de títeres e marionetas do museo, ocupará dúas salas da planta baixa situadas no lado esquerdo da entrada e cuxo mobiliario se escomezará a instalar a vindeira semana. No lado dereito, e xa na entreplanta, o Museo contará con outra sala no que se ubicará unha ampla zona de traballo e un arquivo ou biblioteca para o fondo bibliográfico do que dispón esta entidade museística.

 

O convenio asinado esta tarde permitirá que Lalín siga sendo a ubicación deste museo único en Galicia e no que se recollen pezas tanto a nivel nacional como internacional. Terá unha vixencia de dez anos e con el Viravolta encargarase de organizar e programar actividades de dinamización e expositivas en colaboración co Concello de Lalín a cambio da cesión dos citados espazos para exposicións e actividades.

 

Nas alocucións posteriores á sinatura do convenio, Pilar Álvarez transmiteu o seu agradecemento ao Concello de Lalín “ a todos aquelos que se implicaron en que este proxecto seguira para adiante”. Indicou que “este é o renacemento do Museo. Para nós non é o museo de Viravolta nin as pezas de Viravolta senón de todos os lalinenses. Iniciamos esta nova etapa con moita ilusión”.

 

Pola súa banda, Anxo García fixo unha demostración cas diversas marionetas das que disporá o Museo da Marioneta que acollerá “dende o títere tradicional galego, exemplos de títeres e marionetas das diversas técnicas de manipulación como varillas, fíos ou sombras e marionetas de moitos puntos de todo o Mundo”.

 

Tamén salientou que “na exposición haberá títeres e marionetas de artista como algúns pintados por Armindo Salgueiro ou un moi especial ca cara de Laxeiro e pintada polo propio artista lalinense que agardemos acabe tamén exposto no Museo”.

 

Dos contidos da biblioteca falou Xulio Balado que desatacou que “contamos con 3000 volumenes que están catalogados no programa de bibliotecas da Xunta de Galicia. Uns fondos que enriquecemos dandoos a coñecer a través da rede internet, aqueles que non teñen dereitos de autor, para poder difundilos a todos os que lle interesa este tema”.

 

Nos fondos bibliogrtáficos hai dende carteis, folletos e disco ata libros de distintas épocas e temáticas relacionadas co mundo do títere.

 

O alcalde de Lalín, José Crespo,  escomezou a súa intervención lembrando as persoas da cultura que pasaron por Liñares e explicou que “o contedor cultural no que se vai a converter o Pazo de Liñares será seguro un referente da cultura a nivel Galicia”. Confesou que “agora alégrome que se frustase a posibilidade de que este Pazo fose un Parados Nacional e telo agora que entregar a outra entidade e por contra poidamos disfrutar de unha importante infraestrutura para a cultura”.

 

O Museo da Marioneta será o “primeiro dos contidos que se asentará no Espazo Liñares-Lalínlab” e considera que “é a ubicación idónea para o Museo da Marioneta e así o viron os membros de Viravolta a primeira vez que se falou de vir para aquí”.

 

Todos os esforzos que se levan feito “valeron a pena. Agora temos o reto de facer singular e único este contedor cultural e todas as cousas que aquí se desenvolvan”.  

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín