CONTINÚAN OS TRÁMITES ADMINISTRATIVOS PARA A REHABILITACIÓN DA PONTE DOS CABALOS

CONTINÚAN OS TRÁMITES ADMINISTRATIVOS PARA A REHABILITACIÓN DA PONTE DOS CABALOS
Venres 16 de Xuño de 2017 - Augas de Galicia dá luz verde ao proxecto de rehabilitación que impulsan os Concellos de Lalín e Agolada, mais continúase á espera do permiso de Patrimonio. Ambos municipios manteñen un convenio para a recuperación desta infraestrutura a través dun proxecto orzamentado nuns 100 mil euros.

Os trámites administrativos para dar comezo ao proxecto de rehabilitación da Ponte dos Cabalos, impulsado polos Concellos de Lalín e Agolada seguen en marcha. Augas de Galicia vén de conceder a autorización para proceder ás obras de restauración desta estrutura medieval sobre o río Arnego que une ambos municipio nos lugares de Parada (Lalín) e Gurgueiro (Agolada). A resolución favorable a autorización das obras exporase ao público proximamente. Unha vez publicada abrirase un prazo de 20 días hábiles para a realización de alegacións.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, informou de que o Concello agarda agora pola autorización da Dirección Xeral de Patrimonio. O permiso a este organismo foi solicitado hai case un ano, pero como explica o edil, “aínda estamos pendentes da súa resposta, que está tardando moito en chegar”. Lalín e Agolada manteñen un convenio para a recuperación desta infraestrutura a través dun proxecto orzamentado nuns 100 mil euros. Unha vez concedidos todos os permisos solicitarase unha colaboración económica ao GDR para financiar, cando menos, parte do investimento.

A Ponte dos Cabalos é unha ponte de factura medieval, que data do ano 970. Componse de dous ollos e está construída na súa totalidade en pedra granítica. En todo caso, o seu estado de conservación non é bo, xa que a vexetación invade moitas zonas da ponte e o parteaugas está case totalmente desmoronado, o que supón un grave risco para a totalidade da estrutura. Ademais subidas do río, que se producen cada inverno, fan que exista un serio risco de que caia parte da súa estrutura. Tamén se aprecia a perda ou desprazamento de pezas de cimentación e varias gretas e fisuras.

Coa finalidade de corrixir esta situación o proxecto de rehabilitación prioriza as actuacións máis urxentes, como a reconstrución do parteaugas, a recuperación dos espazos perdidos ou desprazados, a reposición de pezas ao seu lugar orixinal e o desbroce e limpeza profunda da ponte e a súa contorna. Todas estas medidas, xunto con algunhas outras, son imprescindibles para asegurar a conservación da ponte. Ao mesmo tempo, tamén se propoñen outras actuacións de mellora -non imprescindibles- como a instalación de cartelería informativa ou a execución dun acceso á zona inferior da ponte.

Roteiros de Lalín