CONCELLO E FOMENTO ESTUDAN FÓRMULAS DE COLABORACIÓN PARA ACELERAR A MELLORA DA ROLDA LESTE

CONCELLO E FOMENTO ESTUDAN FÓRMULAS DE COLABORACIÓN PARA ACELERAR A MELLORA DA ROLDA LESTE
Mércores 26 de Agosto de 2015 - Rafael Cuíña reuniuse onte con Ángel González del Río para analizar as posibles solucións ao grave deterioro desta vía. Fomento mellorará a cartelería nas estradas da súa competencia, como a Nacional 525 ao seu paso por Bendoiro. O alcalde agradece a boa disposición e a actitude construtiva do xefe de Demarcación de Estradas de Galicia.

O alcalde de Lalín e o xefe de Demarcación de Estradas de Galicia mantiveron onte un encontro na Coruña para analizar as posibles solucións ao grave deterioro que sofre dende hai tempo a Rolda Leste. Rafael Cuíña e Ángel González del Río estudaron as diferentes fórmulas de colaboración que se poden activar para acelerar a mellora dunha vía fundamental para a comunicación de Lalín, debido ao elevado volume de tráfico que soporta ao longo do ano.

En principio son dúas as solucións que se barallan e nas que Fomento podería ter unha implicación directa. Unha delas -que sería a medio prazo- pasaría por construír unha nova estrada alternativa ao norte Rolda Leste. A outra opción implicaría un cambio de titularidade da vía -mediante unha permuta co Concello- para que a Rolda Leste pase a ser competencia do Ministerio de Fomento. Desta maneira, esta administración non tería que actuar nunha estrada que non é da súa competencia, o que sentaría un precedente e un agravio comparativo con outras vías de comunicación e outras localidades.

Co obxectivo de avanzar neste asunto, o alcalde solicitará unha reunión coa ministra de Fomento para analizar de maneira conxunta os posibles escenarios de colaboración que se abren. Á espera de que se concrete este encontro, o alcalde quixo expresar o seu “inmenso agradecemento pola boa disposición e a actitude construtiva do xefe de Demarcación de Estradas, que, ao mesmo tempo, ilustra a boa disposición que ten o ministerio de Fomento para solucionar este problema dentro das posibilidades que lle ofrecen as súas competencias”.

Boa mostra deste espírito de colaboración foi o acordo ao que chegaron Rafael Cuíña e Ángel González del Río para que Fomento mellore de maneira inmediata a cartelería nas vías da súa competencia. Unha delas é a Nacional 525 ao seu paso por Bendoiro, “onde os veciños levaban tempo reclamando melloras na sinalización sen que se fixese ningunha xestión por parte do anterior Goberno”. “Era unha cousa ben fácil de solucionar e que se arranxou en cuestión de poucos minutos”, afirmou Cuíña.

Críticas á desfeita do Partido Popular

Rafael Cuíña volveu amosar hoxe a súa “fonda preocupación polo grave deterioro que experimentou a Rolda Leste nun tempo récord sen que ao final ninguén asumise responsabilidades”. “Fixéronse unhas actuacións que están no limiar de seren levadas perante a Fiscalía e agora é a nós a quen nos toca buscar solucións debaixo das pedras”, dixo o rexedor.

O alcalde xa valorou a posibilidade de executar parte das obras de mellora da Rolda Leste cos fondos propios do Concelllo. Sen embargo hai criterios técnicos que desaconsellan esta posibilidade, “xa que podería supoñer un problema engadido cando por fin se executasen o resto das actuacións e dese xeito entrariamos nunha especie de bucle que non nos levaría a ningures”. Cuíña recoñece que é un problema “con difícil solución porque, a pesar do que dixo José Crespo, nestes momentos só hai 200 mil euros do Concello para poder acometer a mellora da Rolda Leste”. “O resto”, sentenciou, “tan só eran castelos no aire do Partido Popular”.

Neste sentido, Cuíña amosouse moi duro polo reparto “arbitrario, retorcido e e torticero” que fixo dos cartos da Deputación de Pontevedra durante o período de transición, o que orixinou “que non quedase nada para un proxecto tan importante para Lalín”. Con todo, Rafael Cuíña confía en que o organismo provincial si habilite unha partida para a mellora desta vía de cara ao próximo ano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín