A CONCELLERÍA DE CULTURA INFORMA DAS SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN PARA ACTIVIDADES DO ANO DO PATRIMONIO 2017

A CONCELLERÍA DE CULTURA INFORMA DAS SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN PARA ACTIVIDADES  DO ANO DO PATRIMONIO 2017
Xoves 9 de Marzo de 2017 - O organismo provincial destinará un total de 245 mil euros a esta convocatoria. As entidades culturais interesadas en optar a estas axudas teñen de prazo ata o 31 de marzo para presentar as súas solicitudes.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, informou de que a Deputación de Pontevedra vén de abrir o prazo para a presentación de solicitudes para acceder ás subvencións actividades culturais do Ano do patrimonio 2017. A convocatoria ten por obxecto conceder axudas económicas para promover, fomentar e difundir as actividades culturais que organicen as persoas físicas e xurídicas sen fins de lucro no seu ámbito territorial e excepcionalmente fóra deste, cando teñan relevancia para os intereses provinciais, durante o exercicio actual.

Serán prioritarias nesta convocatoria as accións tendentes a mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais, en especial, as actividades dirixidas á reivindicación e difusión do patrimonio material e inmaterial da provincia de Pontevedra, contribuíndo deste xeito á difusión, mantemento e recuperación da nosa cultura e tradicións. O prazo para presentar as solicitudes a esta convocatoria rematará o vindeiro 31 de marzo.

En concreto, a Deputación de Pontevedra concederá, en réxime de concorrencia competitiva, axudas económicas dirixidas ás entidades culturais da provincia para as actividades culturais do Ano do Patrimonio que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017. Poderán ser obxecto de financiamento as seguintes actividades:

Xornadas e eventos relacionados coa memoria histórica

Actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico e natural

Actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos)

Festivais, mostras, encontros e certames culturais

Certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada

Intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical

Poderán solicitar estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

Carecer de fins de lucro (feito que se debe acreditar cunha declaración responsable da persoa representante)

Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra deste cando versen sobre temas de interese para a provincia

Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas

Non estar incursas en ningunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei

Estar ao corrente coas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Facenda autonómica e coa Deputación

Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPA nin as asociacións que teñan pendentes de xustificar subvencións para actividades culturais concedidas no exercicio anterior.

As bases completas desta convocatoria foron publicadas o pasado 28 de febreiro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e poden consultarse na seguinte ligazón: http://www.depo.es/subvencions-dirixidas-a-entidades-para-as-actividades-culturais-do-ano-do-patrimonio-2017

Roteiros de Lalín