A CONCELLERÍA DE NOVAS TECNOLOXÍAS PUBLICA A WEB DO SEU REPOSITORIO DE SOFTWARE, AMOSANDO O FIRME COMPROMISO DO GOBERNO CO SOFTWARE LIBRE

A  CONCELLERÍA DE NOVAS TECNOLOXÍAS PUBLICA A WEB DO SEU REPOSITORIO DE SOFTWARE, AMOSANDO O FIRME COMPROMISO DO GOBERNO CO SOFTWARE LIBRE
Martes 19 de Abril de 2016 - En concellolalin.github.io estarán dispoñibles os desenvolvementos do Departamento de Informática para que poidan ser reaproveitados por outras administracións, empresas ou particulares sen ningún tipo de custe.

A concellería de Novas Tecnoloxías dentro do seu compromiso coa comunidade do Software Libre, vén de publicar a web do seu repositorio de software, concellolalin.github.io. Así o acaba de anunciar o concelleiro responsable desta área, Tomás Vilariño. Nesta web estarán dispoñibles os distintos desenvolvementos do Departamento de Informática do Concello de Lalín para que poidan ser reaproveitados por outras administracións, empresas ou particulares sen ningún tipo de custe. Tras a presentación das aplicacións de tratamento de enquisas da Feira do Cocido, e o Directorio de Empresas, agora ponse a disposición o código fonte dos dous desenvolvementos.


A plataforma empregada para aloxar o código fonte é GitHub (https://github.com), a máis empregada na actualidade polos proxectos de Software Libre. Grazas ao Software Libre e aos esforzos do departamento de Informática, estanse reducindo custes e optimizando os procesos de traballo diario no concello. Aparte dos desenvolvementos propios, o equipo de Informática tamén fai uso de solucións en Software Libre no seu día a día, sirvan como exemplo:
- Open Broadcaster Software (https://obsproject.com/), para a retransmisión das sesións plenarias.
- GLPI (http://glpi-project.org/), para o inventariado e incidencias do equipamento informático.
- Wordpress (https://wordpress.org/), para as webs de Feira do Cocido, Roteiros e a intranet corporativa.
- Mediawiki (https://www.mediawiki.org), para manter a documentación dos distintos traballos.
- Libreoffice e Thunderbird, como ferramentas ofimáticas en todos os equipos.
- Drupal (http://drupal.org), na web institucional lalin.gal.

Tomás Vilariño considera que “a estratexia de uso de Software Libre fronte ao privativo dá un valor engadido ao tecido TIC (Tecnoloxías da información e a comunicación) local, que poderá integrar as súas solucións e beneficiarse dos desenvolvementos liberados podendo melloralos e revendelos”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín