A CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN VISITA O CEIP “XAQUÍN LORIGA” CO OBXECTO DE TRABALLAR EN COMÚN NA SOLUCIÓN DAS MÚLTIPLES DEFICIENCIAS DO CENTRO

A CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN VISITA O CEIP “XAQUÍN LORIGA” CO OBXECTO DE TRABALLAR EN COMÚN NA SOLUCIÓN DAS MÚLTIPLES DEFICIENCIAS DO CENTRO
Venres 12 de Maio de 2017 - A intención do Goberno é a de ir dando solución á maior parte deficiencias do colexio botando man de persoal propio, unha vez o Concello conte con persoal suficiente. As reclamacións teñen que ver coa realización de melloras e traballos de mantemento en aulas, aseos e pavillón, así como noutros espazos exteriores.

A concelleira de Educación, Lara Rodríguez Peña, visitou onte as instalacións do Colexio de Ensino Infantil e Primario “Xaquín Loriga”, situado na parroquia de Prado. Durante a visita mantivo un encontro co director do centro escolar, Santiago Pérez Carral, coa idea de tomar nota das situación da escola e traballar en común na solución das múltiples deficiencias que presentan as instalacións e que están relacionadas, maioritariamente, coa antigüidade da estrutura.

As reclamacións efectuadas a través da dirección do colexio teñen que ver con cuestións de mantemento e mellora de espazos exteriores, aspectos de seguridade, acondicionamento de aulas e aseos, arranxos no pavillón, no xardín botánico ou no espazo dedicado a horta, entre outros. Poucas horas despois da visita da titular de Educación tivo lugar unha reunión do Consello Escolar do centro, onde se explicaron, entre outras cousas, as cuestións faladas e solicitadas á concelleira. Lara Rodríguez Peña sinalou que o Concello de Lalín tratará de ir dando resposta a todas as demandas efectuadas polo centro que sexan competencia municipal. Neste sentido explicou que a intención do Goberno é a de ir dando solución á maior parte deficiencias do colexio botando man de persoal propio, unha vez o Concello conte con persoal suficiente para afrontar os traballos. Para aquelas cuestións que non poidan ser desempeñadas directamente pola brigada de obras o Concello tratará de artellar outro tipo de posibilidades coas que dar resposta ás demandas.

Lara Rodíguez lembrou que o Pleno da corporación aprobou no pasado mes de decembro unha moción a proposta do Goberno na que se lle solicitaba á consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que atenda as demandas da comunidade educativa do CEIP “Xaquín Loriga”, de Prado, e leve a cabo o cambio e modernización do sistema de calefacción e radiadores do centro educativo, así como a substitución e mellora de todas as fiestras que aínda non se cambiaron. Sobre esta cuestión a edil informou de que persoal técnico xa revisou o estado do sistema de calefacción, pero que o Concello aínda non recibiu ningunha resposta en firme por parte da Xunta a estas reclamacións.

Lara Rodríguez sinala que “os colexios públicos emprazados en zonas rurais constitúen un instrumento fundamental para garantir o dereito a unha educación universal, pública, gratuíta e de calidade, ademais de servir para fixar poboación e avanzar na dinamización social dos lugares nos que se ubican”. “A súa importancia é moito maior en municipios eminentemente rurais, como o de Lalín” -prosegue- “polo que as administracións públicas temos a obriga de adoptar as medidas necesarias para garantir o seu funcionamento”.

O CEIP “Xaquín Loriga” púxose en funcionamento a principios dos anos 70, o que provoca que algunhas instalacións, malia o mantemento realizado ao longo do tempo, se atopen obsoletas. Non obstante a edil considera que o estado da estrutura “é envexable para ter tantos anos en comparación con outros colexios de nova construción que presentan deficiencias que non se poden tolerar”.

Roteiros de Lalín