COMPLETAS AS PRIMEIRAS QUENDAS DO CAMPAMENTO URBANO E DA ESCOLA DE VERÁN

COMPLETAS AS PRIMEIRAS QUENDAS DO CAMPAMENTO URBANO E DA ESCOLA DE VERÁN
Xoves 21 de Xuño de 2018 - En poucos días abrirase o prazo de inscrición para as segundas quendas, que se celebran do 16 ao 31 de xullo. Casares lembrou que o Concello oferta este ano un total de 284 prazas para rapazas e rapaces, das que máis de 90 son de balde co obxectivo de facilitar ao acceso a estas iniciativas.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, anuncia que o prazo para realizar solicitudes de participación nas primeiras quendas do campamento deportivo urbano e na escola de verán do Concello de Lalín vén de rematar completando todos os postos ofrecidos. En total, o Concello puxo a disposición da cidadanía 51 prazas (máis de 20 gratuítas) para estas dúas modalidades e quendas, que terán lugar do 2 ao 13 de xullo e que quedaron completamente cubertas rexistrándose incluso listaxe de espera. Deste xeito, o concelleiro anuncia que o prazo de solicitudes para os segundos turnos, que terán lugar do 16 ao 31 de xullo, se abrirá en breves días. As inscricións deben realizarse na casa do Concello.

O Concello de Lalín adica este ano 45.441 euros para a posta en marcha dos campamentos que se van desenvolver durante o verán e que contan con tres modalidades: os campamentos deportivos urbanos, o campamento deportivo no mar e a Escola de Verán. En total -entre estas tres actividades que conxugan educación, deporte e integración social- vanse ofertar un total de 284 prazas para rapazas e rapaces, das que máis de 90 son de balde co obxectivo de facilitar ao acceso a estas iniciativas das nenas e nenos procedentes de familias con menos recursos.

Desta maneira, tal e como indica o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, o Goberno municipal segue demostrando “o gran esforzo que está a realizar dende o inicio de mandato por manter as actividades para os máis cativos cun claro contido social, xa que máis do 33 por cento das prazas son gratuítas e, tamén como novidade este ano, establécense importantes descontos para familias numerosas”. O Concello tamén decidiu incluir por primeira vez nos campamentos deportivos urbanos de este ano ata un total de catro prazas adaptadas para participantes con necesidades especiais.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín