COMEZAN AS PRIMEIRAS QUENDAS DA ESCOLA DE VERÁN E DO CAMPAMENTO URBANO

COMEZAN AS PRIMEIRAS QUENDAS DA ESCOLA DE VERÁN E DO CAMPAMENTO URBANO
Venres 6 de Xullo de 2018 - O concelleiro de Benestar Social compartiu esta mañá co alumnado o comezo da escola de verán. González Casares puxo de relevo o esforzo do Concello na programación estival xuvenil, que se puxo en marcha cos obxectivos de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e de garantir a atención aos menores. O titular de Benestar adiantou que proximamente se vai presentar un novo paquete de iniciativas dirixidas a menores e á mocidade, que completarán a programación municipal estival.

O concelleiro de Benestar Social asistiu esta mañá ao inicio da das primeiras quendas da escola de verán con comedor e do campamento urbano, que comezaron onte e que se desenvolverán ata o próximo 13 de xullo. No primeiro caso as actividades terán lugar principalmente no colexio Manuel Rivero, de 09.00 a 15.30 horas, e no segundo, polas tardes, en diferentes espazos e instalacións da vila, tendo como punto de referencia o pavillón municipal ou a casa da xuventude.

Nicolás González Casares compartiu esta mañá o comezo do curso co alumnado da escola de verán con comedor, que foi adxudicado á empresa Servizos Integrais de Formación e que ofrece 135 prazas divididas en catro quendas ao longo dos meses de xullo e agosto, das que 46 son completamente gratuítas. Esta iniciativa xa ten cuberta toda a oferta, tal e como informou o concelleiro de Benestar. Por outra banda, no campamento urbano (adxudicado á empresa Eduvía) que se celebra en varias quendas entre o 2 de xullo e o 31 de agosto e que está destinado a nenos de entre 4 e 8 anos, podendo participar un total de 80 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. Neste caso, reserváronse 29 prazas de balde e aínda restan algunhas prazas libres para os derradeiros turnos.

González Casares destacou a “magnífica acollida” que tiveron un ano máis tanto os campamentos deportivos municipais como a escola de verán, unha aposta do Goberno local que se iniciou a principio de mandato e á que se dou continuidade en cada exercicio “tendo en conta a forte demanda e en aras de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, así como garantir a atención aos menores en risco de exclusión social durante as vacacións”.

Deste modo e, tendo en conta a enorme acollida das iniciativas de conciliación mencionadas, Nicolás González Casares adiantou que nos próximos días vai ser presentado un novo paquete de actividades lúdicas e didácticas destinadas a nenos e nenas así como á mocidade, incluídas en diferentes proxectos da concellería de Benestar que se sumarán aos campamentos e á escola de verán e que servirán para seguir facilitando en período vacacional a conciliación, así como para ofrecer novas alternativas de ocio xuvenil saudable.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín