COMEZAN AS PRIMEIRAS QUENDAS DA ESCOLA DE VERÁN E DO CAMPAMENTO URBANO

COMEZAN AS PRIMEIRAS QUENDAS DA ESCOLA DE VERÁN E DO CAMPAMENTO URBANO
Luns 3 de Xullo de 2017 - O concelleiro de Benestar Social compartiu esta mañá co alumnado o comezo da escola de verán González Casares puxo de relevo o esforzo “sen precedentes” do Concello na programación estival xuvenil, que se puxo en marcha cos obxectivos de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e de garantir a atención aos menores Hoxe tamén se abre o prazo de inscrición para o campamento deportivo no mar, que se desenvolverá en Cabana de Bergantiños en dúas quendas (do 1 ao 9 de agosto e do 10 ao 18 de agosto)

O concelleiro de Benestar Social asistiu esta mañá ao inicio da das primeiras quendas da escola de verán con comedor e do campamento urbano, que se desenvolverán ata o próximo 14 de xullo. No primeiro caso as actividades terán lugar principalmente no colexio Manuel Rivero, de 10.00 a 15.30 horas, e no segundo, polas tardes, en diferentes espazos e instalacións da vila, tendo como punto de referencia o pavillón municipal ou a casa da xuventude.

Nicolás González Casares compartiu esta mañá o comezo do curso co alumnado da escola de verán (adxudicado á empresa Servizos Integrais de Formación), que ofrece en 4 quendas un total de 170 prazas, das que 128 son totalmente gratuítas. Esta iniciativa xa ten cuberta toda a oferta e incluso existe lista de agarda para as vindeiras quendas. Por outra banda, no campamento urbano (adxudicado á empresa Eduvía) poderán participar 120 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. Neste caso, reserváronse 33 prazas de balde.

Ademais, dende hoxe mesmo as persoas interesadas xa poden realizar as súas solicitudes para participar no campamento deportivo do mar, que se desenvolverá na localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños. Esta iniciativa contará con dúas quendas. A primeira terá lugar do 1 ao 9 de agosto, para nenas e nenos de entre 9 e 12 anos, e a segunda do 10 ao 18 de agosto, para nenas e nenos de entre 13 e 17 anos. No campamento do mar ofértanse un total de 80 prazas, das que 26 serán gratuítas.

Este ano o Concello de Lalín oferta 390 postos nos campamentos xuvenís estivais (escola de verán, campamento urbano, campamento no mar), realizando un esforzo sen precedentes nesta liña, cun investimento total de 46.120 euros. González Casares destacou a “magnífica acollida” que tivo a escola de verán, unha aposta do Goberno local que se iniciou a principio de mandato, pero que á que se dou continuidade no actual exercicio, “tendo en conta a forte demanda e en aras de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, así como garantir a atención aos menores en risco de exclusión social durante as vacacións”.

A escola de verán con comedor encádrase dentro das múltiples iniciativas de carácter social postas en marcha polo Goberno local. Configúrase como un programa de educación non formal con diversas actividades en función da idade dos grupos de menores aos que se dirixe. O seu obxectivo fundamental é o de garantir que os menores de familias con dificultades socioeconómicas gocen dunha alimentación equilibrada e variada durante o verán, independentemente de que no transcurso do curso escolar fosen beneficiarios ou non do comedor. Non obstante, está aberta a todas as familias do municipio, indistintamente da súa situación, para evitar así posibles casos de estigmatización. Ademais, con esta proposta búscase promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores e promover hábitos de vida saudables e actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación.

Roteiros de Lalín