COMEZAN OS EXAMES PARA A CONTRATACIÓN DE 37 TRABALLADORES AO ABEIRO DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

COMEZAN OS EXAMES PARA A CONTRATACIÓN DE 37 TRABALLADORES AO ABEIRO DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN
Luns 15 de Maio de 2017 - Esta previsto que tras o proceso selectivo os novos empregados comecen a desempeñar as súas funcións na primeira quincena de xuño. Katia Procino salienta que, a través desta oportunidade, “o Goberno reforza as necesidades operativas do Concello e incrementa a calidade na prestación dos servizos.

Esta mañá deron comezo na sala de prensa do concello os exames teóricos pertencentes ao conxunto de probas selectivas para a contratación por parte do Concello de Lalín de 37 traballadores e traballadoras a través dunha achega de máis de 341.000 euros do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra. Esta previsto que tras o proceso selectivo os novos empregados comecen a desempeñar as súas funcións na primeira quincena de xuño. Os contratos durarán ata final de ano e a eles optan persoas en situación de desemprego, tal e como establecen as bases do programa.

A concelleira de Emprego, Katia Procino, explica que “a selección de traballadores se realiza mediante un proceso totalmente aberto e transparente”. En concreto, a nómina de traballadores solicitados polo Concello de Lalín segundo a súa ocupación profesional é a seguinte: 6 contratos de peón albanel, 1 de albanel (oficial de 1ª), 5 de peón de obras, 5 de peón xardineiro, 1 de xardineiro (oficial de 1ª), 4 de peón pintor, 1 de carpinteiro (oficial de 1ª), 1 de peón carpinteiro, 3 de condutor, 3 de auxiliar de información turística, 2 de técnico informático, 1 de bibliotecario, 1 de técnico de comercio, 1 de técnico de enfermería-DUE, 1 de educador social e 1 de técnico de actividades físico-deportivas.

A responsable de emprego salienta que, a través desta oportunidade que ofrecen os fondos da Deputación, “o Goberno de Lalín cubre e reforza as necesidades operativas do concello e, en consecuencia, vai incrementar a cantidade e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía”. Por iso explicou que “a elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo”. Asemade, estas contratacións supoñen unha gran oportunidade laboral para moitos lalinenses en situación de desemprego.

Roteiros de Lalín