Comezan os campamentos de verán

Sábado 30 de Xuño de 2012 - Uns 65 rapaces participarán nas primeiras quendas dos campamentos urbanos e multideportivos desde o próximo luns, 2 de xullo

O concelleiro de Deportes e Xuventude, José Domínguez, anuncia que “o próximo luns, 2 de xullo, comezará a oferta formativa, lúdica e didáctica do Concello de Lalín para os nenos e nenas lalinenses a través do programa de Campamentos de Verán 2012”. “Entre as principais novidades deste ano atópase a posta en marcha dun novo campamento urbano multideportivo, ademais dos habituais campamentos urbanos e o campamento do mar, co que pretendemos favorecer a integración social dos rapaces participantes a través do deporte”, salienta Domínguez. “Ademais, o campamento urbano esténdese ata o mes de agosto, con catro quendas, en horario de tarde, ampliando o número de prazas dispoñibles”, afirma. 

Domínguez concreta que “desde o vindeiro luns uns 65 nenos e nenas gozarán das actividades de animación de ocio e tempo libre, a través da primeira quenda do campamento multideportivo (dará comezo ás 11.00 horas, no estadio “Manuel Anxo Cortizo”) e da primeira quenda do campamento urbano (arrancará ás 16.00 horas na Casa da Xuventude”. 

O campamento urbano multideportivo consiste nunha actividade de 3 horas diarias durante 2 semanas cada unha das dúas quendas (do 2 ao 13 de xullo e do 16 ao 27 de xullo). Comezarase polo deporte que máis licenzas posúa no concello, cunha duración de 2 días (minicampus), deixando a libre elección de cada clube, a metodoloxía a tratar. Ao remate de 2 días rotarase o deporte ata completar os 10 días de cada quenda. Ao remata de cada minicampus de 2 días, darase aos participantes (nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos) un número para un sorteo final de material deportivo ao remate de cada quenda. 

Os campamentos urbanos desenvolveranse, de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto, na Casa da Xuventude e diversos espazos do Concello de Lalín, en horario de 16 a 20 horas, en catro quendas: do 2 ao 13 de xullo; do 16 ao 30 de xullo; do 31 de xullo ao 14 de agosto e do 20 ao 31 de agosto. Está dirixido a nenos e nenas empadroados en Lalín, de 5 a 8 anos. Ofértanse en total 160 prazas e a cota de inscrición é de 30 euros, poderán inscribirse ata cinco días antes do comezo da actividade. 

INSCRICIÓNS NO CAMPAMENTO DO MAR 
Tamén o 2 de xullo se abre o prazo para as inscricións, cunha cota de 100 euros, no campamento do mar, que se desenvolverá do 18 ao 29 de agosto no campamento xuvenil “A Devesa”, de Ribadeo. As actividades que se estenden durante 11 días van dirixidas a rapaces de 9 a 13 anos e ofértanse un total de 65 prazas. 

As inscricións poderanse realizar ata o 18 de xullo na Omix, de 9 a 14 horas. As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 986 78 70 52. 

Roteiros de Lalín