COMEZA O PROCESO PARA DOTAR DE CONEXIÓN A INTERNET DE ALTA VELOCIDADE O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA CULTURA CASTREXA DE LIÑARES

COMEZA O PROCESO PARA DOTAR DE CONEXIÓN A INTERNET DE ALTA VELOCIDADE O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA CULTURA CASTREXA DE LIÑARES
Luns 19 de Outubro de 2015 - Técnicos do Concello e da Deputación definiron a ubicación definitiva dunha antena de telecomunicacións imprescindible para obter a conexión. O pazo contará cunha servizo que responderá definitivamente ás necesidades de funcionamento do Centro.

Técnicos do Concello e da Deputación acudiron o xoves pasado ao entorno do Pazo de Liñares para iniciar os traballos enmarcados no convenio de colaboración entre ambas administracións para dotar o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa dunha conexión a internet máis eficiente. As actuacións xa foran anunciadas durante a visita institucional da presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao Concello de Lalín, quen dixo naquel momento sentirse “absolutamente sorprendida de que o PP deixase sen rede de alta velocidade este espazo”.

Unha vez instalada a nova conexión que, segundo explicaron os técnicos “se fará en breve, xa que só estamos agardando a aprobación definitiva por parte da Deputación para proceder á instalación do circuito”, o pazo contará cunha servizo que responderá definitivamente ás necesidades de funcionamento do Centro de Interpretación da Cultura Castrexa.

Os estudos realizados o xoves pasado consistiron basicamente en definir a ubicación definitiva dunha antena de telecomunicacións imprescindible para obter a conexión de alta velocidade. Esta antena debe ter unha visión directa con outra situada no Monte do Carrio, de modo que alcanzará unha altura duns 8 ou 9 metros. Non obstante, determinar a súa colocación final foi unha tarefa considerablemente complexa, xa que a parte de buscar a visión directa entre os dispositivos, foi preciso seleccionar un lugar externo á marxe de protección do Pazo de Liñares.

Tal e como explicou o asesor urbanístico do Concello, Liñares, polo seu gran valor histórico e patrimonial, conta cunha ampla zona de protección que abarca unha boa extensión territorial ao seu redor. Calquera obra que se queira realizar aquí debe contar co beneplácito da Dirección Xeral de Patrimonio, polo que a tramitación dos permisos pertinentes retardaría a dotación de internet. Neste senso e, coa intención de axilizar ao máximo o proceso, decidiuse situar o poste de telecomunicacións na estrada que une Prado con Vilatuxe, nun emprazamento que limita coa zona de protección. Previamente tamén se chegou a estudar o aproveitamento dos postes do tendido eléctrico que percorren esta vía para a colocación do dispositivo, mais esta idea acabou por desbotarse pola necesidade de solicitar permisos a Gas Natural Fenosa, o que tamén acabaría provocando retrasos. Unha vez seleccionado o punto de instalación, os operarios procederon á colocación dun poste provisional que tivo como finalidade constatar a validez da ubicación para a instalación do poste definitivo.

Os operarios tamén aproveitaron para revisar as canalizacións xa existentes en Liñares, co obxectivo de verificar que tamén se poden empregar para a disposición do novo cableado de fibra que se fixará na futura instalación. Nos próximos días espérase recibir a aprobación por parte da Deputación para dar comezo ás obras, que unha vez se inicien, estarán rematadas nun breve período de tempo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín