COMEZA O PROCESO DE SELECCIÓN DAS 20 PERSOAS RECEPTORAS DA RISGA QUE CONTRATARÁ O CONCELLO A PARTIR DO 1 DE XULLO

COMEZA O PROCESO DE SELECCIÓN DAS 20 PERSOAS RECEPTORAS DA RISGA QUE CONTRATARÁ O CONCELLO A PARTIR DO 1 DE XULLO
Mércores 27 de Xuño de 2018 - Casares e Fernández destacaron a relevancia deste programa como nova oportunidade para persoas desempregadas, que ao mesmo tempo servirá para cubrir importantes necesidades operativas do Concello.

O concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, e o de Benestar Social, Nicolás González Casares, informan de que hoxe deu comezo o proceso de selección de 20 persoas en situación ou risco de exclusión social receptoras de Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) que o Concello vai contratar a partir do 1 de xullo. Esta iniciativa enmárcase dentro do “Programa municipal de contratación temporal de persoas desempregadas para o fomento do emprego en 2018” en base ao que Lalín percibiu unha subvención por importe de 184.867 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que servirán para financiar a totalidade do proxecto.

Estes contratos permitirán reforzar a actividade do desván municipal, coa incorporación de 1 auxiliar administrativo, 4 auxiliares de almacén e 1 repartidor. Tamén se contempla a contratación de 2 auxiliares de servizos sociais para traballos de acompañamento a persoas maiores, 4 auxiliares de xardinería para o acondicionamento de solares municipais, 3 pintores para instalacións municipais e 5 porteiros para labores auxiliares no servizo de deportes. Estas 20 persoas serán contratadas por sete meses ao 75 por cento da xornada.

Casares e Fernández destacaron o esforzo que está a realizar o Goberno de Lalín para favorecer o emprego a través de iniciativas que fomenten a empregabilidade e sirvan para traballar a prol da inclusión social. Nesta liña puxeron de manifesto a importancia deste programa de emprego como nova oportunidade para numerosas persoas de Lalín que levan tempo en situación de desemprego e de dificultade, destacando que, ao mesmo tempo, as contratacións servirán para cubrir importantes necesidades operativas do Concello de Lalín e mellorar os servizos á cidadanía.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín