COMEZA EN DECEMBRO A RESERVA DE PRAZAS PARA AS VIAXES DO PROGRAMA DE VACACIÓNS PARA MAIORES DO IMSERSO DA TEMPADA 2018

Luns 13 de Novembro de 2017 - As persoas beneficiarias poderán elixir entre 13 viaxes en diferentes datas a 9 destinos distintos

A concellería de Benestar Social comezou a remitir as misivas ás persoas beneficiarias do Programa de Vacacións para Maiores do Imserso, informando dos destinos e das datas adxudicadas ao Concello de Lalín para a tempada 2018, así como dos prazos de reserva. Tal e como se indica no documento, o período habilitado para reservar unha estadía para as primeiras viaxes comezará o próximo día 4 de decembro. O período hábil para reservas continúa aberto ata finais de xaneiro do próximo ano, con datas concretas de inscrición para as diferentes propostas vacacionais.

Así, as reservas faranse no concello na data especificada para cada destino, sendo imprescindible aportar o DNI. Só se recollerá unha solicitude por persoa e a do seu acompañante, de ser o caso. Cada persoa poderá inscribirse nun destino e anotarse noutro en lista de espera. Unha vez realizado o pago da viaxe deberase achegar o correspondente xustificante ás dependencias de Benestar Social do Concello de Lalín.

A Lalín fóronlle concedidas dúas viaxes en datas diferentes a La Manga (Murcia), dúas a Tenerife, dúas a Matalascañas e unha a Mallorca, Ibiza, Pineda de Mar, Benidorm, Santa Cruz de la Rapita (Tarragona) e Zamora, que neste último caso terá carácter cultural. Deste xeito, súmanse un total de 13 viaxes a elixir entre 9 destinos, en datas que van dende febreiro a maio de 2017. Os prezos oscilan entre os 205 e os 395 euros, dependendo da duración da estadía, do destino e da data elixida. 

Roteiros de Lalín