COMEZA A CONSTRUCIÓN DA PISTA MULTIDEPORTE NA SUPERFICIE INTERMEDIA DO PÁRKING ALDEA GRANDE

COMEZA A CONSTRUCIÓN DA PISTA MULTIDEPORTE NA SUPERFICIE INTERMEDIA DO PÁRKING ALDEA GRANDE
Mércores 29 de Novembro de 2017 - Estará composta dunha moderna capa de céspede sintético que permitirá a práctica de fútbol sala, baloncesto, balonmán, tenis etc. A súa creación servirá para desconxestionar outras zonas de xogo e para darlle vida a un espazo ata o de agora moi desaproveitado.

A concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, anunciou hoxe que xa está en fase de construción a nova pista multideporte proxectada na parte superior intermedia do aparcadoiro Aldea Grande. A empresa Galitec Desarrollos Tecnolóxicos S.L foi a adxudicataria dunha actuación que se adxudicou por 46.860,86 euros, producíndose así unha baixa de máis de 12.000 euros con respecto ao orzamento total da licitación. Esta baixa poderá ser reinvestida en novas actuacións en beneficio da cidadanía neste espazo público.

A pista multideporte estase a instalar nunha superficie diáfana de 78 metros de lonxitude libre de obstáculos que foi elixida por adaptarse á perfección para acoller esta nova instalación lúdico-deportiva e por tratarse dunha ubicación céntrica que permitirá atraer a gran cantidade de persoas. Terá unhas dimensións de 20 X 50 metros e permitirá a práctica de tenis, fútbol sala ou baloncesto etc. A súa creación consistirá no subministro dunha moqueta de céspede artificial cor verde con características adecuadas para a práctica dos deportes citados. Así mesmo, instalarase un cerramento exterior executado en taboleiro de gran resistencia ao desgaste, nula absorción de auga e excelente comportamento fronte ao ruído. A pista dotarase con dúas canastras de baloncesto tipo americano antivandálicas e con dúas porterías de fútbol sala ou balonmán coas súas respectivas redes antivandálicas. Adicionalmente instalaranse outras 4 canastras de baloncesto laterais integradas.

Esta nova infraestrutura de xogos vai ser de gran utilidade para a cidadanía, en gran medida, por ser a única instalación deportiva deste tipo situada nun punto totalmente céntrico da vila. Deste xeito, o espazo deportivo axudará a desconxestionar outras zonas lúdicas como o parque da Praza da Vila, o máis utilizado polos nenos e nenas en Lalín. Así mesmo, contribúese a dar vida ás partes superiores do aparcadoiro, onde recentemente tamén se estreou un novo parque infantil e que, ata este momento, estaban completamente desaproveitadas e sen uso. Este tipo de iniciativas van englobadas dentro da idea urbana que ten o Goberno local de desfrute da poboación dentro dun concepto de vila na que teñen o protagonismo nas rúas as persoas. Prevese que a súa construción estea finalizada antes de rematar o ano. 

Roteiros de Lalín