CASARES REÚNESE CON VECIÑOS DE CASAS NOVAS PARA DECIDIR ONDE UBICAR A CRUZ CARLISTA

CASARES REÚNESE CON VECIÑOS DE CASAS NOVAS PARA DECIDIR ONDE UBICAR A CRUZ CARLISTA
Mércores 28 de Xuño de 2017 - A peza decimonónica será colocada no seu lugar orixinal, tal e como determinaron os residentes no lugar. O concelleiro anunciou que o Concello ten a vontade de crear un pequeno parque nun terreo próximo, sempre que este sexa cedido polos seus propietarios.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, desprazouse esta mañá á localidade de Casas Novas, na parroquia de Goiás, para manter unha reunión con veciños e veciñas que tivo como obxecto decidir o lugar no que instalar unha cruz carlista retirada a finais de 2015 polo Concello neste punto ante o risco que corría debido ao levantamento dunha construción no seu entorno. Finalmente e, a decisión dos residentes, que mostraron abertamente a súa opinión na xuntanza, o elemento decimonónico volverase ubicar no mesmo lugar no que estaba. Deste xeito, en canto sexa posible, operarios municipais encargaranse de volver colocar a cruz -que se atopa resgardada en bo estado nun almacén municipal- no espazo indicado pola veciñanza.

González Casares explica que a proposta do Concello foi a de recolocar a peza nunha pequena “isleta” próxima ao seu lugar orixinal, mais os veciños decidiron volvela poñer onde se atopaba previamente á súa retirada. Aínda así, o concelleiro sinalou que o Concello ten a intención de adecentar o citado pequeno terreo que funciona como unha “isleta” coa finalidade de crear un pequeno parque, sempre e cando o espazo sexa cedido polos seus propietarios.



Roteiros de Lalín