CASARES PARTICIPA NO PLENO DA RIU ONDE SE INSTRUÍU AOS PARTICIPANTES SOBRE OS PASOS A SEGUIR PARA A APLICACIÓN DAS ESTRATEXIAS DUSI

CASARES PARTICIPA NO PLENO DA RIU ONDE SE INSTRUÍU AOS PARTICIPANTES SOBRE OS PASOS A SEGUIR PARA A APLICACIÓN DAS ESTRATEXIAS DUSI
Luns 7 de Novembro de 2016 - O encontro tamén serviu para que empezar a definir o eixo de colaboración municipal para a xestión das estratexias DUSI. Representantes de Lalín, Ribeira, A Estrada, Vilagarcía ou Ponteareas manterán unha reunión a finais de mes para analizar problemáticas comúns no manexo dos fondos europeos. O concelleiro de Urbanismo valorou moi positivamente as sesións “por establecer as claves coas que comezar a desenvolver do xeito máis adecuado as actuacións programadas no Lalín Ssuma 21”.

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares, vén de participar en Madrid no VI Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas (RIU) que se desenvolveu xoves e venres no salón de actos do Centro de Estudos e Experimentacións de Obras Públicas e na sede da Escola Técnica Superior de Enxeñería Civil. O Concello de Lalín participa por segundo ano nestas sesións como membro da RIU, un organismo que impulsa o Ministerio de Fomento.

No evento Casares estivo acompañado por outros alcaldes e representantes municipais galegos como os rexedores de A Estrada e Vilagarcía, con quen falou sobre os mecanismos de colaboración entre concellos para intercambiar experiencias e puntos de vista, ademais de para propoñer diferentes solucións a problemas administrativos e técnicos similares derivados da xestión dos plans contemplados nas estratexias DUSI. Casares afirma que “estamos ante unha oportunidade histórica pero tamén ante un gran desafío administrativo para o que temos que buscar fórmulas que nos permitan optimizar os nosos recursos materiais e humanos”. Por iso “é fundamental que os concellos de tamaño e situación semellantes activemos este eixo de colaboración que nos sirva para poñer en común cales son as nosas problemáticas e que solucións se lle dan en cada caso”. Tras estas xornadas en Madrid, o primeiro paso xa está dado porque os representantes de municipios como Lalín, Ribeira, A Estrada, Vilagarcía ou Ponteareas acordaron convocar unha reunión a finais de mes para analizar todas as cuestións relacionadas co manexo e xestión destes fondos europeos.

Á marxe disto, a orde do día do Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas estivo cargada en cada xornada. Na sesión do xoves tivo protagonismo especial a análise e a extracción de conclusións sobre os resultados da primeira convocatoria das estratexias DUSI, nas que Lalín foi seleccionada coa adxudicación de 5 millóns de euros para o desenvolvemento de diferentes proxectos. Do mesmo xeito, ofreceuse información sobre a segunda convocatoria das citadas estratexias ás que Lalín non ten que presentarse, e expuxéronse diferentes propostas innovadoras da Axenda Urbana Europea, tales como o impulso de economías baixas en carbono, así como outros proxectos de crecemento ligados aos fondos FEDER e enfocados ao desenvolvemento local.

O venres tivo lugar, tal e como explicou González Casares, a xornada máis importante para os intereses de Lalín. Foi esta unha sesión de maior concreción técnica, motivo polo que tamén acudiu a interventora do Concello. A orde do día centrouse, neste caso, na extracción de conclusións sobre as estratexias DUSI seleccionadas na primeira convocatoria, entre as que se atopa “Lalín Ssuma21” e, sobre todo, en impartir formación sobre os pasos a seguir polas entidades locais seleccionadas na primeira convocatoria para a xestión e a aplicación das estratexias.

Nicolás González Casares valorou moi positivamente a participación no VI Pleno da RIU polos seus múltiples aproveitamentos e, en particular, por ser un espazo “no que se puxeron sobre a mesa as claves para que Lalín planifique e comece a desenvolver do xeito máis adecuado as actuacións programadas no Lalín Ssuma 21”.

Roteiros de Lalín