CASARES E MEDELA REÚNENSE COS CLUBS DEPORTIVOS PARA ABORDAR A ORDE DE AXUDAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS PARA O 2017

CASARES E MEDELA REÚNENSE COS CLUBS DEPORTIVOS PARA ABORDAR A ORDE DE AXUDAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS PARA O 2017
Xoves 27 de Abril de 2017 - O Goberno vai axilizar a convocatoria das subvencións coa finalidade de que os equipos teñan un maior prazo de tempo para planificar a súa posterior xustificación.

Os concelleiros de Deportes, Nicolás González Casares e Miguel Medela, mantiveron onte no concello unha reunión con representantes dos diferentes clubs e entidades deportivas municipais. O encontro tivo a finalidade principal de abordar diferentes cuestións relativas á orde de subvencións municipais destinadas ao desenvolvemento e realización de actividades deportivas para o ano 2017. Tal e como anunciaron os edís, a cantidade que o Concello vai destinar a esta partida é a mesma que a do ano pasado, é dicir, 70.000 euros, dos que 50.000 serán dirixidos ao fomento do deporte base e 20.000 ao resto de entidades.

Medela e Casares convocaron este encontro como toma de contacto ante o comezo inminente da redaccións das bases reguladoras das axudas que se farán públicas, previsiblemente, durante o mes de maio. O obxectivo do Goberno é axilizar ao máximo a habilitación da convocatoria coa finalidade de adaptarse ás necesidades dos clubs e facilitarlles, na medida do posible, a certificación das subvencións unha vez sexan concedidas. Así, sacando a partida de axudas máis cedo, preténdese que os beneficiarios teñan máis tempo para planificar a xustificación das mesmas.

Por outra banda, durante a reunión os concelleiros tamén explicaron diferentes cuestións relativas á solicitude e tramitación das subvencións, así como a posibilidade de executar a tramitación electronicamente. A xuntanza mantívose nun ton moi cordial, tal e como destacaron os responsables de Deportes, que indicaron que o Goberno tomou nota das diferentes suxestións e demandas que efectuaron os clubs no transcurso da xuntanza e que estas se van tratar de resolver. 

Roteiros de Lalín