CASARES ANUNCIA UNHA COLABORACIÓN RÉCORD COA APALC PARA SEGUIR FOMENTANDO O BENESTAR E A SAÚDE DAS PERSOAS MAIORES

CASARES ANUNCIA UNHA COLABORACIÓN RÉCORD COA APALC PARA SEGUIR FOMENTANDO O BENESTAR E A SAÚDE DAS PERSOAS MAIORES
Luns 21 de Maio de 2018 - Mantivo unha reunión coa directiva da entidade na que se pechou a colaboración do Concello para a adquisición dun vehículo de transporte adaptado. Ademais, o Concello realiza unha achega de 5 mil euros para o desenvolvemento de programas sobre alimentación e alzheimer. O colectivo tamén se beneficiará das axudas municipais a entidades sociais para as que está aberto o prazo de solicitude. O concelleiro fixo fincapé en que o Goberno local se atopa en cifras récord de colaboración no ámbito dos servizos sociais, un dos piares primordiais da actuación municipal.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares mantivo onte unha reunión de traballo coa directiva da Asociación para a Protección de Anciáns de Lalín e Comarca (APALC), para abordar diferentes propostas e alternativas de apoio municipal a esta entidade xestora da residencia Nosa Señora das Dores. Así, como explicou o tamén tenente de alcalde, esta entidade recibirá no ano actual máis colaboración que nunca por parte do Concello de Lalín, o que lle permitirá ao centro residencial mellorar os recursos técnicos de atención asistencial e desenvolver diferentes programas e proxectos para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias do centro.

En primeiro lugar e como aspecto máis salientable dentro dos acordos alcanzados na reunión, Nicolás González Casares anunciou que o Concello de Lalín colaborará con APALC a través dunha axuda económica específica para a adquisición por parte da entidade dun vehículo adaptado para o transporte de usuarios e usuarias da residencia. Coa compra deste vehículo, a residencia contará cun medio de transporte adecuado para o transporte das persoas de idade avanzada con dificultades para desprazarse de forma autónoma. Trátase dun recurso moi necesario no centro residencial, pero que alcanza uns altos custes, polo que grazas á colaboración do Concello de Lalín se poderá cubrir esta necesidade.

Doutra banda o concelleiro de Benestar Social informou dunha achega de 5.000 euros incluída nun convenio de colaboración que permitirá avanzar na posta en marcha dun programa de alimentación saudable, así como desenvolver un proxecto de actividades específicas destinadas a persoas enfermas de alzheimer. Concretamente, este programa desenvolverase entre os meses de xuño e novembro.

Finalmente, o encontro entre Casares e a directiva de APALC serviu para informar sobre as axudas municipais a asociacións e entidades sen ánimo de lucro do eido dos servizos sociais ás que este colectivo pode acollerse. O Concello dedica este ano 15.000 euros a estas prestación para as que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes e que servirán para o desenvolvemento, durante este ano, de programas e actividades que beneficien a colectivos de persoas do termo municipal de Lalín que se atopen en situación de desvantaxe. O ano pasado APALC xa recibiu unha subvención en base a estas achegas de 2.687 euros, que permitiu levar a cabo un programa de alimentación saudable.

Nicolás González Casares fixo fincapé en que o Goberno local se atopa en cifras récord de colaboración no ámbito dos servizos sociais. Porén, explicou que este proxecto de colaboración histórico con APALC supón “unha nova constatación da aposta do Goberno local polas políticas sociais, un dos piares primordiais da actuación municipal en Lalín para este mandato”. O tenente de alcalde puxo de relevo a aposta pola atención ás persoas maiores a través de colaboracións como a presente, tendo en conta a gran cantidade de poboación anciá que rexistra Lalín e a súa contorna, polo que tamén agradeceu o enorme traballo que desenvolve a residencia Nosa Señora das Dores en beneficio deste colectivo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín