A CARREIRA SOLIDARIA DAS FESTAS DAS DORES REPITE PROBAS PARA PERSOAS MENORES E ADULTAS CON DISCAPACIDADE

A CARREIRA SOLIDARIA DAS FESTAS DAS DORES REPITE PROBAS PARA PERSOAS MENORES E ADULTAS CON DISCAPACIDADE
Mércores 13 de Septembro de 2017 - A iniciativa ten o obxectivo de visualizar e facer que se valore a discapacidade, tamén dentro do deporte. A proba é unha alternativa máis dentro dunha carreira integradora e aberta á participación de toda a cidadanía.

O concelleiro de Deporte e Benestar Social, Nicolás González Casares, mantivo esta mañá no concello unha reunión con representantes de diferentes colectivos sen ánimo de lucro e de persoas con discapacidade, entre os que estiveron Working Wheels, Aspadeza, Aranes, Morea, ou a Cruz Vermella. A xuntanza tivo o obxectivo de avanzar na organización das probas destinadas a corredores adultos e infantís con discapacidade que terán lugar dentro da carreira solidaria patrocinada por ABANCA e a beneficio da Cruz Vermella, que organiza o Concello de Lalín e que se celebrará o venres das Festas das Dores.

O obxectivo desta proba é o de darlle visibilidade e recoñecemento á discapacidade aproveitando o comezo das festas, de xeito que se perciba que as persoas con diversidade funcional non teñen límites e son capaces de participar en igualdade tamén en eventos deportivos. Por iso, dende o Concello e dende ABANCA se agradece o esforzo e o interese das asociacións que traballan con persoas con discapacidade por colaborar coa carreira solidaria das festas. A proba destinada a este colectivo terá lugar no entorno do Quilómetro 0, xusto antes da saída da carreira absoluta.

González Casares sostén que esta actividade – organizada de modo coordinado entre as concellerías de Deporte e Servizos Sociais - é unha alternativa máis dentro dunha carreira integradora e aberta á participación de toda a cidadanía, pero tamén lúdica por ter lugar xusto no comezo das festas patronais de Lalín. Como é sabido tamén se trata dun evento deportivo benéfico que neste caso vai en beneficio da Cruz Vermella de Lalín, a que se dona parte do recadado nas inscricións.

O tenente de alcalde animou á participación de todas e todos os lalinenses neste evento deportivo solidario “que servirá para dar comezo de xeito saudable e diferente ás festas”. Ao mesmo tempo, lembrou que as inscricións permanecen abertas a través da páxina web www.championchipnorte.com.

A presentación oficial do evento terá lugar mañá no concello, coa participación de Nicolás González Casares e de representantes de ABANCA, entidade bancaria patrocinadora.

Roteiros de Lalín