A CARPA MAHOU ACOLLERÁ DURANTE A 50 FEIRA DO COCIDO UN TOTAL DE 36 FIRMAS ALIMENTARIAS E DE ARTESANÍA

A CARPA MAHOU ACOLLERÁ DURANTE A 50 FEIRA DO COCIDO UN TOTAL DE 36 FIRMAS ALIMENTARIAS E DE ARTESANÍA
Mércores 31 de Xaneiro de 2018 - As empresas gozarán, en palabras de Francisco Vilariño, “dun espazo inmellorable para a exposición e venda dos seus produtos, posto á súa enteira disposición polo Concello”. A carpa vai albergar unha ocupación do 100% con representación de todos os os sectores produtivos e cun 70% do espazo adicado á alimentación. Os postos adxudicáronse mediante unha poxa libre, rexistrándose unha oferta media de 101 euros por parte das entidades alimentarias. O concelleiro afirmou que a alta cifra de expositores “reflicte que a Feira do Cocido, no seu medio século de vida, goza dunha saúde envexable e que a aposta do Goberno por potenciar o mercado está dando froitos”.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, vén de anunciar que a Carpa Patrocinada por Mahou xa está completamente instalada no campo da feira, á espera de que mañá se comecen a instalar as casetas dos postos de venda. Esta instalación de tipo iglú, totalmente transparente e de deseño estético e acolledor, que foi ampliada ata os 85 metros lineais na 50 Feira do Cocido para dar cabida ao maior número posible de postos, acollerá durante a próxima fin de semana un total de 36 firmas alimentarias e de artesanía, unha cifra récord en canto a asistencia a este mercado. As mencionadas firmas gozarán, en palabras do concelleiro, “dun espazo inmellorable para a exposición e venda dos seus produtos, posto á súa enteira disposición polo Concello”.

En total, o Concello recibiu a solicitude de 52 postos para unha oferta de 48, non obstante, houbo varias empresas que solicitaron máis dun espazo. Así, tras térense valorado as ofertas presentadas, entre as 36 firmas que contarán cun lugar para a exposición, 6 correspóndense a empresas cárnicas, 4 son queixerías, 6 panaderías e pastelerías, mentres que haberá 2 postos de venda de licores, 2 de chocolates e outro de iogures e derivados lácteos. Así mesmo, 15 espazos fórenlles asignados a outros tantos vendedores de artesanía, bixutería e outros accesorios manufacturados. Deste xeito, a carpa vai albergar unha ocupación do 100% con representación de todos os os sectores produtivos e cun 70% do espazo adicado a alimentación “tal e como é a nosa prioridade” -engade o concelleiro- “aínda que tamén se contará cunha nutrida presenza de artesáns”. Con todo, “esta variada oferta garantirá que os miles de visitantes que se acheguen durante a Feira do Cocido á carpa atopen todos os produtos de primeira calidade que busquen e regresen satisfeitos ao tempo que deixan beneficio económico ás empresas, que maioritariamente son de Lalín e do resto da comarca”.

Francisco Vilariño explicou que este ano se deu continuidade ao sistema administrativo totalmente xusto e transparente posto en marcha na pasada edición para a adxudicación dos postos na carpa. Este consiste na celebración dunha poxa libre na que se interpuxo unha cota mínima por posto de 63,50 euros, prezo “absolutamente módico para as prestacións, a atención e as garantías que se ofrecen”, que se puido mellorar á alza nas solicitudes presentadas, séndolle os stands asignados ás ofertas máis vantaxosas.

O concelleiro de Turismo revelou que todas as empresas de Lalín que concorreron á poxa entraron, agás unha firma cárnica que “lamentablemente quedou fóra por presentar unha oferta excesivamente baixa”. Do mesmo xeito tamén se produciron algúns descartes por presentarse a oferta fóra de prazo ou por non adaptarse a solicitude á tipoloxía de postos.

Con todo, as poxas realizadas polas entidades do sector da alimentación que finalmente foron admitidas movéronse nun abano bastante dispar, que xirou entre os 64 e os 250 euros ofrecidos por posto, cunha media de 101,76 euros. No relativo ao sector da artesanía e dos produtos manufacturados, as ofertas oscilaron entre os 65 e os 160 euros, cun promedio de 109. Doutra banda, tamén se asignaron os espazos no exterior da carpa, neste caso destinados exclusivamente a bares, food-trucks etc. Finalmente, foron admitidos 4 postos de venda de churros, 1 bar e 4 polbeiros.

O concelleiro de turismo afirmou que a cifra récord de solicitudes recibidas “é unha mostra máis de que a Feira do Cocido, no seu medio século de vida, goza dun estado de saúde envexable e atrae a cada paso un maior número de produtores locais e foráneos que ven na máis importante festa gastronómica de Galicia o mellor dos escaparates para expoñer e vender os seus produtos”. “Isto é consecuencia” -indica- “dos esforzos do Goberno pola promoción e difusión da Feira, pero tamén é froito da nosa firme aposta por darlle o protagonismo aos nosos sectores produtivos, facilitándolles un espazo de venda cuberto e acondicionado, onde se garante a presenza de público a un prezo de partida moi baixo”.

A Carpa Mahou foi unha das innovacións principais do Goberno de Lalín para a Feira do Cocido, gozando de enorme éxito en todas as edicións. Púxose en marcha co obxectivo de renovar a mostra gastronómica e, ao tempo, aportarlle ao festexo un toque de maior calidade e modernidade. Ademais do mercado gastronómico a carpa é aproveitada para albergar outras actividades relacionadas coa Feira.

Estacionamento

O Concello de Lalín informa de que dende este xoves, día 1 de febreiro, non se poderá estacionar no campo da feira debido aos traballos de instalación dos stands da carpa. Ademais, o mercado quincenal do día 3 trasladarase á rúa da Habana, no Regueiriño, como consecuencia da ocupación do campo da feira pola carpa patrocinada por Mahou.

Roteiros de Lalín