CAMPAÑAS ESPECIAIS DA POLICÍA DURANTE O MES DE AGOSTO NO PONTIÑAS EN FEIRAS E EN PUNTOS CONFLITIVOS DE TRÁFICO

CAMPAÑAS ESPECIAIS DA POLICÍA DURANTE O MES DE AGOSTO NO PONTIÑAS EN FEIRAS E EN PUNTOS CONFLITIVOS DE TRÁFICO
Luns 6 de Agosto de 2018 - Teñen os obxectivos de garantir a seguridade e a convivencia cidadá.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que a Policía Local de Lalín desenvolverá durante o mes de agosto unha serie de campañas especiais de vixilancia en aras de garantir a seguridade e a convivencia cidadá.

En primeiro lugar, o corpo vai reforzar este mes a súa vixilancia no Paseo do Pontiñas realizando rondas en moto e a pé varias veces ao día coa finalidade de manter o espazo natural libre de actos vandálicos, previr a proliferación de sucidade e controlar que os donos de mascotas cumpren coas súas responsabilidades levando o can atado e recollendo as súas deposicións, entre outras cuestións. Durante os meses de bo tempo a afluencia de público ao paseo aumenta, polo que é prioritario manter o espazo en bo estado e, ao mesmo tempo, controlar que non se produzan destrozos e que non se guinde lixo como ten sucedido outros anos, así como garantir a convivencia entre mascotas e usuarios.

En segundo lugar e como vén sendo habitual, a policía intensificará a vixilancia durante as feiras quincenais deste mes debido a masiva afluencia de público que adoitan rexistrar. Deste modo, tanto o próximo venres día 3, como o día 18, poñeranse en marcha dispositivos especiais de vixilancia cos obxectivos de garantir tanto a fluidez na circulación como a seguridade das persoas que se acheguen a desfrutar das feiras. Así, ofrecerase un servizo especial con maior presenza de axentes para garantir a seguridade no tráfico e nas zonas de mercado, previndo posibles roubos e incidentes e proporcionando asistencia coa maior celeridade no caso de producirse calquera incidencia.

Por último, o corpo de Policía levará a cabo controis especiais de tráfico naquelas zonas do casco urbano que rexistran unha maior conflitividade, para garantir a súa fluidez e previr accidentes. Tamén se controlarán os estacionamentos indebidos que no caso de detectarse irán acompañados da correspondente imposición dunha sanción administrativa en base ao código de circulación.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín