BOTA A ANDAR CON “ÉXITO TOTAL DE PARTICIPACIÓN” O SEMINARIO QUE SITÚA A LALÍN NO MAPA DO TURISMO APÍCOLA

BOTA A ANDAR CON “ÉXITO TOTAL DE PARTICIPACIÓN” O SEMINARIO QUE SITÚA A LALÍN NO MAPA DO TURISMO APÍCOLA
Sábado 29 de Xullo de 2017 - Vilariño amosou a súa “enorme satisfacción pola gran demanda e interese que suscitou esta iniciativa sobre apicultura ecolóxica, turismo e patrimonio apícola”, que conseguiu cubrir en pouco tempo as 30 prazas que ofertaba Vilariño salienta que “o seminario logrará, sen dúbidas, avanzar no obxectivo de poñer en valor a enorme calidade dun produto que identifica ao noso concello, e que resulta unha carta de presentación perfecta de Lalín” Trátase dun paso máis na aposta do Concello por “un modelo de turismo emerxente en Europa e no que xa empezamos a traballar coa edición dunha guía sobre a produción apícola, que se publicou a principios de ano” O seminario celébrase durante esta fin de semana e a seguinte en Zobra

Francisco Vilariño inaugurou esta mañá o seminario de apicultura ecolóxica, turismo e patrimonio apícola en Zobra, Lalín. Fíxoo expresando a súa “enorme satisfacción pola gran demanda e interese que suscitou esta iniciativa”, que conseguiu atraer gran cantidade de xente e cubrir en pouco tempo as 30 prazas que ofertaba. “Este éxito total de participación”, indica Vilariño, “dá boa mostra do atractivo, da proxección e da  repercusión dunha proposta que, sen lugar a dúbidas, vai contribuír de maneira decisiva a acadarmos ese obxectivo que nos marcabamos cando decidimos poñer en marcha o seminario: potenciar o noso municipio como destino turístico poñendo en valor o seu patrimonio apícola e riqueza meleira”.

 

O seminario de apicultura ecolóxica, turismo e patrimonio apícola desenvólvese en Zobra durante esta fin de semana e a seguinte e está organizado pola concellería de Turismo en colaboración coas 5 empresas meleiras asentadas en Lalín e coa Sociedade Agraria de Transformación “Abella Lupa”. Dende esta entidade, Martiño Nercellas –tamén presente no acto- destacou o enfoque novidoso desta iniciativa, que máis alá do formato habitual dos cursos de apicultura tamén introduce factores como o fomento do turismo e a posta en valor do patrimonio.

 

Na presentación, o concelleiro de Turismo lembrou que o mel e todo ao vinculado ao seu patrimonio e produción, ademais “dunha mostra da enorme calidade dos nosos produtos”, constitúe, polo tanto, “un valor que debemos aproveitar como carta de presentación alén das nosas fronteiras e que sitúa a Lalín no mapa”. Salientou, ademais, que o seminario se está a celebrar nun “escenario ideal, o entorno da Serra do Candán (con preto dun cento de alvarizas) e, nomeadamente a parroquia de Zobra”, unha das aldeas meleiras por excelencia de toda Galicia debido á súa tradición e patrimonio.

 

Por outra banda, Francisco Vilariño lembrou que a celebración deste seminario supón “o segundo paso” na aposta polo turismo apícola tras a publicación da guía sobre produción historia e patrimonio relacionado coa cultura do mel, que se editou a principios de ano e que leva meses distribuíndose. Forma parte tamén da estratexia da  para diversificar o enorme potencial turístico que ten o Concello, que conta con numerosos atractivos específicos para propiciar a chegada de visitantes durante os 12 meses do ano.

 

O seminario conta con tres bloques diferenciados: o primeiro estará referido á formación e aprendizaxe no manexo das abellas, Apis mellifera L., e das colmeas en produción ecolóxica, ademais dos requisitos legais para a certificación da devandita produción. O segundo estará relacionado co achegamento, identificación e orixes do patrimonio apícola dos montes de Zobra e da Serra do Candán, ademais de no deseño de propostas de promoción turística vinculadas ás explotacións apícolas, ao patrimonio e á paisaxe na que se asentan. O terceiro e último, de marcado carácter práctico, versará sobre as técnicas de manexo de colmeas e apiarios e o deseño de centros de extracción e envasado con certificación ecolóxica. Tamén tratará cuestións como a comunicación e deseño de itinerarios turísticos apícolas.

Roteiros de Lalín