A BIBLIOTECA MUNICIPAL VARELA JÁCOME PECHARÁ AO PÚBLICO A PRÓXIMA SEMANA PARA A COLOCACIÓN DO SEU NOVO MOBILIARIO

Sábado 1 de Outubro de 2016 - O centro reabrirá as súas portas en horario habitual o luns, 10 de outubro. O Concello dispoñía dun total de 75.924,69 euros para os novos equipamentos.

A biblioteca municipal Varela Jácome pechará ao público durante a vindeira semana para permitir a colocación do novo mobiliario e equipamento adquiridos polo Concello para estas instalacións. En concreto, o centro manterá pechadas as portas aos usuarios dende o luns, 3 de outubro e retomará a súa actividade habitual xusto unha semana despois: o luns, 10 de outubro, cando as instalacións volverán estar operativas para o público no seu horario normal. O motivo do peche é facilitar os traballos para a colocación dos novos mobles da biblioteca e a retirada dos que existen na actualidade, que se instalaron de maneira provisional no mes de maio para permitir que o centro puidese seguir prestando servizo mentres non se remataba a tramitación administrativa para a adquisición e instalación do novo equipamento.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, tras cumprírense os procesos administrativos ordinarios, asinou o pasado mes de agosto os contratos para equipar con novo mobiliario a biblioteca municipal. O orzamento total do que dispoñía o Concello para equipar o centro era de 75.924,69 euros. Este montante foi obtido tras a firma de dous convenios, por unha parte coa Deputación de Pontevedra, que concedeu 35.924,69 e por outra coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que aportou 40.000. A adxudicación deste investimento realizouse por lotes, tal e como se estableceu no prego de cláusulas administrativas para a contratación, sendo asignado o primeiro para a subministración de mobiliario en serie e o segundo para a subministración de mobiliario a medida.

O lote número 1 para o mobiliario en serie foi asignado por un prezo de contrato de 22.969,58 euros, IVE incluído. Esta partida componse principalmente de material como butacas, mesas de distinto tipo e cadeiras de modelos diferentes, e será colocados nas distintas estancias e talleres da biblioteca. Doutra banda, o lote número 2 para o mobiliario a medida foi asignado por un prezo de contrato de 47.190 euros, IVE incluído. Este material foi fabricado expresamente consonte as especificacións establecidas no proxecto da nova biblioteca. Esta subministración está composta principalmente por taquillas e estanterías, ademais de incluírse un mostrador. Este conxunto de mobles irá destinado a equipar o taller de lectura para nenos e o taller de audiovisual, así como as salas de estudo, ou o salón principal e serán deseñados segundo as medidas e a distribución sinaladas na planimetría do edificio.

Como sinalou Rafael Cuíña, todo o mobiliario será absolutamente funcional e seguirá unha liña moderna e acorde ao deseño do conxunto do edificio. Así mesmo, a concelleira de Cultura e Educación, Lara Rodríguez, apuntou que “a colocación dos novos mobles lle permitirá a Lalín ter dunha vez por todas unha biblioteca moderna e de referencia en Galicia, que sen dúbida ofrecerá un servizo acorde ás necesidades da cidadanía do noso concello”. A nova biblioteca Varela Jácome permanece aberta ao público dende o mes de maio, aproveitándose o equipamento do antigo centro cultural, aínda que coas novas dotacións quedarán resoltos os problemas de capacidade e de espazo. 

Roteiros de Lalín