A BIBLIOTECA DO CONSERVATORIO DE LALÍN HABILITA UN NOVO SERVIZO DE APOIO AO ESTUDO

Venres 13 de Xaneiro de 2017 - Dous profesores do centro ofrecerán axuda ao alumnado que o desexe sobre a súa formación musical.

A biblioteca do Conservatorio Profesional de Música de Lalín habilita un novo servizo de apoio ao estudo dirixido ao alumnado do propio centro formativo, tal e como vén de anunciar a concelleira de Cultura e Educación, Lara Rodríguez. Isto será posible grazas a que dous profesores contratados a tempo completo se encargarán nos momentos nos que non estean dando clase da biblioteca do centro, cubrindo así as súas horas e permitindo que o alumnado que o desexe poida contar con persoal de reforzo para o seus estudos musicais.

O que buscamos con esta iniciativa”, indica Lara Rodríguez, “é facilitarlles aos estudantes de música un apoio extra nos seus estudos”. “Sabemos do alto nivel e da esixencia que require a formación musical, de modo que creemos adecuado que os estudantes poidan contar nas súas horas non lectivas con persoas que os poidan axudar coas súas tarefas, resolver dúbidas e apoialos en calquera tema relacionado coa súa formación”. Deste xeito, a concelleira animou a todo o alumnado do CMUS a facer uso deste servizo, que se habilitará na biblioteca do conservatorio nos seguintes horarios:

Luns: de 16.00 a 20.30 horas.

Martes: de 16.00 a 17.00 horas.

Mércores: de 16.30 a 17.30 horas.

Xoves: de 16.30 a 17.30 horas e de 20.00 a 21.00 horas.

Venres: 16.00 a 19.00 horas. 

Roteiros de Lalín