A BIBLIOTECA ACOLLE ESTE VENRES A PROXECCIÓN DE “VIGO 1972” DO LALINENSE EMILIO J. FERNÁNDEZ

A BIBLIOTECA ACOLLE ESTE VENRES A PROXECCIÓN DE “VIGO 1972” DO LALINENSE EMILIO J. FERNÁNDEZ
Mércores 24 de Xaneiro de 2018 - A longametraxe documental trata a folga de Vigo acontecida en setembro de 1972 que forma parte do subconsciente colectivo da sociedade viguesa e galega. Varios dos escenarios da rodaxe tiveron lugar no concello de Lalín. Francisco Vilariño convidou a todos os lalinenses a participar na estrea do documental na nosa vila, con entrada de balde, e a gozar dunha obra que está arrasando e que logra atrapar e conmover ao espectador.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, anunciou hoxe outro dos actos programados polo Concello de Lalín dentro das actividades paralelas á Feira do Cocido. En concreto, o próximo venres, día 26, proxectarase en Lalín a longametraxe documental “VIGO 1972”, escrita e dirixida por Roi Cagiao e coa produción executiva do lalinense Emilio J. Fernández, da produtora Arthur Gordon. Será ás 20.30 horas na sala de proxeccións da Biblioteca Municipal, Varela Jácome e, como indica o concelleiro, a diferenza doutras proxeccións, está será de entrada totalmente libre e gratuíta.

A longametraxe documental ‘VIGO 1972’ trata a folga de Vigo acontecida en setembro de 1972 que forma parte do subconsciente colectivo da sociedade viguesa e galega e que constituíu, xunto co 10 de marzo ferrolá, o fito principal na loita do pobo galego polas liberdades democráticas e os dereitos sociais no tramo final da ditadura, folga na que participaron máis de corenta mil traballadores e traballadoras da bisbarra de Vigo.

Como explica o propio Emilio J. Fernández, a pertinencia dunha obra audiovisual en formato documental e ficción sobre estes feitos vén dada polo interese histórico e social dese momento. Unha historia que analiza e desenvolve os datos e testemuños do acontecido apoiándose en entrevistas de persoeiros que recordan e participaron neses acontecementos, de expertos que analizan os feitos, de material de arquivo audiovisual e fotográfico, ademais de varias dramatizacións ficcionadas que recrean algúns dos momentos acontecidos nesas datas de setembro.

A rodaxe das ficcións de época tiveron lugar en Vigo e a súa contorna, pero para varios dos seus escenarios o equipo estivo na comarca do Deza con localizacións nos concellos de Lalín e Vila de Cruces. Concretamente en Lalín, no Polígono de Botos, recreáronse distintas secuencias de persecución da brigada político social e os sindicalistas, ademais de escenas interiores na empresa Industrias del Aluminio Fernández, onde se ficcionaron algunhas escenas da factoría de Citroën no 72; localizacións interiores na parroquia de Moneixas e outros exteriores na contorna de Lalín permitiron dramatizar algúns dos feitos que se contan no documental. Así mesmo, en Fontao, en Vila de Cruces, rodáronse outras relacionadas coa brigada político social de Franco e a detención de sindicalistas durante o transcurso da folga.

A longametraxe estreouse en cines en Galicia o 27 de outubro con gran éxito de público e crítica, estando sete semanas consecutivas en cartel. No mes de Febreiro volverá a estrearse en en varias salas das cidades galegas.

Francisco Vilariño dixo sentirse “inmensamente orgulloso de que Lalín acolla a proxección dun filme que está arrasando alí a onde vai, e que ademais conta co aliciente de ser producido por un veciño noso que non para de realizar excelentes traballos”. Porén convidou a todos os lalinenses a participar na estrea do documental na nosa vila e a gozar dunha obra que logra atrapar e conmover ao espectador na narración duns feitos que foron probablemente os máis importantes sucedidos na cidade de Vigo na segunda metade do século XX.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín