BENESTAR SOCIAL CONTRATARÁ UNHA EDUCADORA SOCIAL PARA DAR CONTINUIDADE AO PROGRAMA DE PREVENCIÓN DAS ADICIÓNS

Mércores 19 de Abril de 2017 - O Consello Municipal de Benestar Social coincide na necesidade de seguir realizando accións de prevención e loita contra as adicións. No segundo semestre deste ano activarase un programa completo que contempla actividades para familias, mocidade ou comunidade educativa.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín dará continuidade no segundo semestre do ano ao programa de prevención das adicións activado a comezos de 2017 con accións como os talleres que se impartiron nos centros de ensino. Para este cometido contarase cos servizos dun educador ou educadora social que será contratada con cargo a unha achega procedente da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra. Casares sinalou que nos últimos encontros mantidos polo Consello Municipal de Benestar Social os asistentes coincidiron na necesidade de seguir executando accións en aras de previr condutas aditivas. Así, este novo plan que se desenvolverá ata o mes de decembro contará con diferentes propostas e actividades destinadas a familias, a mozos e mozas, á comunidade educativa, á comunidade sociodeportiva e á poboación en xeral.

Os obxectivos desta iniciativa -sinalou González Casares- son en liñas xerais os de loitar contra as adicións promovendo hábitos saudables e facilitando recursos de información e orientación, así como promover unha conciencia social sobre os efectos nocivos do consumo de drogas e incrementar a percepción do risco, ademais de desenvolver habilidades e competencias persoais na mocidade de cara a adoptar unha actitude crítica e responsable sobre as adicións. Para a posta en marcha deste ambicioso programa experimental é fundamental -tal e como explica o tamén tenente de alcalde- contar cos servizos dun educador ou educadora social que se coordine cos traballadores e traballadoras sociais do concello para deseñar as actividades a desenvolver.

As propostas previstas no eido da prevención das adicións que se desenvolverán no segundo semestre a través da concellería de Benestar son moi diversas. En primeiro lugar organizaranse as denomindas escolas de familias; un programa formativo dirixido a familias onde se intercambiarán experiencias e reflexións, así como propostas e dúbidas no ámbito da educación para depurar hábitos incorrectos entre pais e nais. En segundo lugar activarase un programa de acompañamento a adolescentes nos desprazamentos sociosanitarios que procurará garantir os traslados necesarios a aquelas persoas que estean nun proceso de rehabilitación social. Así mesmo, levaranse a cabo obradoiros de prevención de adicións en campamentos municipais e outros talleres de ocio baseados na educación no tempo libre a través de actividades deportivas e culturais. Finalmente o programa propón a formación de mediadores en prevención de drogodependencia e a continuidade de sesións formativas en centros educativos como os xa realizados no primeiro trimestre.

Roteiros de Lalín