Balance positivo das actividades de verán

Balance positivo das actividades de verán
Sábado 8 de Septembro de 2012 - A Concellería de Deportes e Xuventude fai un balance positivo dos campamentos nesta edición, que incorporou como novidade o campamento multideportivo

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix) de Lalín, dependente da Concellería de Deportes e Xuventude que dirixe José Domínguez Caballero, fai un balance positivo dos distintos campamentos organizados este verán nos que participaron un total de 216 nenos e nenas dos distintos campamentos organizados polo Concello de Lalín. 

Un total de 114 prazas foron cubertas por nenos e nenas entre os 5 e os 8 anos nos campamentos urbanos que se desenvolveron en catro quendas de dúas semanas de duración, desde o 2 de xullo ao 31 de agosto. O dito programa de actividades desenvolveuse en horario de tarde, facilitando así, en certa medida, a conciliación da vida familiar e laboral, ao tempo que se ofrece un tempo libre que, de forma guiada polos monitores, se converte nun espazo lúdico e formativo para os máis cativos. 

A este máis dun cento de rapaces que tomaron parte nos campamentos urbanos haille que sumar os 48 rapaces e rapazas de entre 7 e 16 anos que tomaron parte no campamento multideportivo. O obxectivo deste campamento era dar a coñecer algúns dos deportes que se poden practicar no municipio, contando coa colaboración dos clubes deportivos de balonmán, a escola de fútbol, bádmiton, tenis, tenis de mesa, rugbi, atletismo, baloncesto, xadrez e béisbol. 

Domínguez Caballero indica que “a acollida desta actividade foi moi positiva, tanto por parte dos nenos/as como das familias, posto que lles facilitaba un tempo de actividade durante as mañás do mes de xullo”. Realizouse en dúas quendas de dúas semanas cada unha nas que se dedicaron dous días a cada disciplina deportiva. 

No que se refire ao Campamento do Mar, o máis decano de todas as modalidades ofertadas, desenvolveuse novamente con éxito rotundo en canto ao nivel de satisfacción de familias, monitores e participantes, que gozaron de espazos naturais como a praia das Catedrais, no Concello de Ribadeo, durante a súa estancia no campamento xuvenil A Devesa, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. 

Roteiros de Lalín