ARRANCA O PROGRAMA PROEMGA DE EMPRENDEMENTO XUVENIL, NO QUE PARTICIPAN 25 MENORES DE 30 ANOS

Luns 19 de Septembro de 2016 - Esta primeira fase do programa centrarase na captación dos proxectos participantes e na posta en marcha de obradoiros de motivación, ademais de no desenvolvemento dos plans de emprendemento. O inicio do programa tivo lugar este luns a partir das 09.30 horas, nas dependencias da UDIAF, coa participación do alcalde e de representantes de Galicia Innova.

A primeira fase do Programa de Formación e Acompañamento para a Mellora do Emprendemento Xuvenil, Proemga, posto en marcha pola Fundación Galicia Innova, co apoio económico do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello, dá comezo este luns nas dependencias da UDIAF, situadas no Polígono Lalín 2000. O proxecto consta de 3 fases ben diferenciadas nas que se potenciarán as capacidades persoais e de autoemprego dos mozos e mozas, mediante a motivación, a formación grupal e individualizada e o mentoring.

Esta primeira fase centrarase na captación dos 25 participantes e na posta en marcha de obradoiros de motivación, nos que ademais, cada asistente desenvolverá a súa ficha persoal e planificará o seu plan de emprendemento persoalizado, nunha sesión que durará 4 horas. Desta parte sairán os 15 mellores proxectos que se incluirán na segunda fase, que comezará o 17 de outubro e na que se poñerán en marcha diferentes módulos formativos. A terceira fase centrarase no mentoring, a través de titorías individualizadas nas que se ofrecerá asesoramento persoal co fin de mellorar as aptitudes de cada emprendedor.

Na sesión do luns, que comezará a partir das 09.30 horas, participarán o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, quen lle dará a benvida aos participantes e destacará a aposta do Concello de Lalín polo emprego e o emprendemento xuvenil. Así mesmo, intervirá Sergio Mosquera, da fundación Galicia Innova, que falará polo miúdo do programa Proemga e dos seus obxectivos. O obxecto último do proxecto é o de mellorar a inclusión ao mercado laboral de mozos menores de 30 anos das localidades de Lalín e tamén de Lugo, Ferrol e Ribeira, que non se atopan empregados nin participan nos sistemas de educación ou formación e que posúen unha titulación profesional ou universitaria, ademais de estar rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Roteiros de Lalín