ALONSO PON EN VALOR O INXENTE TRABALLO DA BRIGADA MEDIOAMBIENTAL, QUE PERMITE MANTER EN ÓPTIMAS CONDICIÓNS O PASEO DO PONTIÑAS

ALONSO PON EN VALOR O INXENTE TRABALLO DA BRIGADA MEDIOAMBIENTAL, QUE PERMITE MANTER EN ÓPTIMAS CONDICIÓNS O PASEO DO PONTIÑAS
Xoves 13 de Septembro de 2018 - Actuouse en varios quilómetros realizando desbroces e limpezas de cunetas e marxes, así como retirando especies invasoras e arranxando o mobiliario. Tamén se van a acometer traballos máis específicos como a poda de setos e a retirada de pólas e materia vexetal.

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, achegouse esta mañá ata o Paseo do Pontiñas para comprobar o desenvolvemento das actuacións de conservación e acondicionamento que está a realizar a brigada medioambiental do Concello. A edil salientou que os traballos constantes realizados ao longo dos últimos meses “están a permitir que este fundamental enclave natural e lúdico do municipio se atope un ano máis en óptimas condicións de mantemento para o uso e desfrute dos cidadáns de Lalín”.

Acompañada do tenente de alcalde, Nicolás González Casares, Alonso supervisou unhas tarefas que benefician o conxunto do percorrido do Paseo e que se centran nos desbroces e limpezas de cunetas e marxes, así como na retirada de toneladas de vexetación, árbores e polas secas da beira do río. Alonso, en calquera caso, lembrou que o Paseo do Pontiñas non é un xardín, senón un espazo naturalizado, e que, polo tanto, as actuacións que se acometen son absolutamente respectuosas para evitar danos ao seu rico ecosistema. Así, recorda que hai puntos -sobre todo na marxe do río- nos que non se pode actuar polas consecuencias que tería para a fauna e a flora.

Ademais de desbroces e limpeza, nos últimos meses tamén se eliminaron especies invasoras como a herba da Pampa ou bambú, e se realizaron tarefas de mantemento sobre o mobiliario e os sendeiros. Así mesmo, recolléronse moitos quilos de lixo e executáronse pequenos traballos de carpintería en elementos de madeira danados. Todos estes traballos terán a súa contibuidade nas próximas semanas coa poda de setos e a retirada de pólas e materia vexetal. Xa de cara ao vindeiro ano, a concellería de Medio Ambiente está a traballar no proxecto para acondicionar e limpar a zona da lagoa do Pontiñas, xa que está a sufrir un proceso de colmatación e cómpre actuar para conservar unha zona na que aniñan moitas aves migratorias e que conta cunha rica e variada vexetación.

A concelleira de Medio Ambiente felicitou aos integrantes da brigada ambiental “polo excelente traballo que están realizando na conservación do Pontiñas, un área que grazas as actuacións impulsadas dende o inicio de mandato polo Goberno está a recuperar o seu esplendor”. Celia Alonso tamén expresou a súa satisfacción polo feito de que 6 dos 8 membros que compoñen a brigada ambiental sexan mulleres. “Como muller e defensora da igualdade”, remarcou a edil, “sinto verdadeira ledicia de ver un grupo que traballa con absoluta eficiencia e de maneira igualitaria, independentemente dos traballos que se estean a realizar”.

Finalmente, Alonso volveu apelar á concienciación cidadá para contribuír a manter o Paseo do Pontiñas en perfectas condicións. Nesta liña, lembrou que o respecto ambiental é unha tarefa de todos e apelou ao civismo para non ciscar lixo nin deixar os excrementos das súas mascotas neste emblemático espazo natural, un dos máis importantes cos que conta Lalín e que ademais é un dos máis empregados polos cidadáns pola súa proximidade ao casco urbano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín