AGACA PONSE A DISPOSICIÓN DO CONCELLO DE LALÍN PARA AVANZAR NA PROSTA DE INTEGRACIÓN DE COOPERATIVAS

AGACA PONSE A DISPOSICIÓN DO CONCELLO DE LALÍN PARA AVANZAR NA PROSTA DE INTEGRACIÓN DE COOPERATIVAS
Mércores 2 de Novembro de 2016 - Rafael Cuíña recibiu a Higinio Mougán, quen cualificou a iniciativa de moi positiva e necesaria.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, mantivo unha xuntanza de traballo co director da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) para falar sobre a proposta do Concello para a integración das cooperativas do sector agrogandeiro. O encontro produciuse a petición desta entidade, que se ofreceu a mediar neste proceso despois de coñecer a través da prensa a proposta realizada a semana pasada polo Goberno municipal. Higinio Mougán cualificou a proposta de excelente e necesaria e manifestou a súa disposición a colaborar e apoiar a posible fusión de cooperativas sumando a súa experiencia, coñecementos e métodos para acadar esta finalidade.

Neste sentido, ofreceu a axuda de AGACA “como técnicos e mediadores” para abordar un estudo de integración das cooperativas da comarca do Deza en colaboración coas administracións públicas que estean comprometidas no apoio a esta proposta. A intención última é que este posible estudo puidese servir para facilitar a adopción de acordos , tanto dos órganos de dirección como dos agricultores socios que actualmente conforman as cooperativas afectadas.

Higinio Mougán explicou que AGACA vén promovendo e impulsando dende hai anos a fusión das cooperativas agroalimentarias en todo o territorio de Galicia, xa que é un dos seus obxectivos fundacionais. A día de hoxe, AGACA está conformada por máis de 100 entidades sociais de Galicia e dispón dun equipo técnico experto en temas relacionados coa colaboración, integración e fusión de cooperativas, tanto dende a perspectiva económica, financeira, fiscal e laboral, como dende a perspectiva empresarial e de planificación da futura entidade.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín agradeceu o interese amosado nesta proposta pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias. Asemade, reiterou a súa disposición a traballar de forma conxunta co maior número de actores posible para acadar un obxectivo estratéxico no marco dun escenario no que cómpre buscar solucións efectivas aos actuais problemas do sector agrogandeiro. Nesta liña, Rafael Cuíña considera que a paulatina integración constituiría un modelo que permitiría unha maior eficiencia na xestión dos recursos, un maior peso nas negociacións e máis apoio directo aos produtores por parte das cooperativas. Ademais, tamén serviría para optimizar custos e conseguir a sustentabilidade e a rendibilidade das explotacións gandeiras que actualmente pasan por serios apuros económicos.

Por último, o alcalde lembrou que solicitou manter unha reunión coa conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, para trasladarlle as impresións e decisións xurdidas do encontro celebrado o pasado 20 de outubro con representantes das cooperativas da zona. A petición de encontro, que aínda non recibiu resposta, foi cursada ao día seguinte co obxectivo de seguir dando pasos na posible integración de cooperativas.

Roteiros de Lalín