A ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA COMEZA A FUNCIONAR NO REXISTRO XERAL DO CONCELLO

A ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA COMEZA A FUNCIONAR NO REXISTRO XERAL DO CONCELLO
Venres 10 de Marzo de 2017 - Está previsto que durante a próxima semana a eAdministración se comece a aplicar nos departamentos de Secretaría, Intervención e Urbanismo.

Tal e como estaba previsto, o Rexistro Xeral do Concello de Lalín comezou hoxe a traballar coa nova ferramenta, Gestiona, que a administración local está a aplicar na posta en marcha da administración electrónica. Así, tal e como apuntou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, “comezouse por implantar a súa aplicación no módulo de entrada e saída, traballando deste xeito cos primeiros rexistros dixitais na nova plataforma”. “Estamos pois” -continua o edil- “ante unha xornada histórica, xa que é o primeiro día da eAdministración no Concello de Lalín”. O concelleiro explica que pouco a pouco se comezará a traballar coa ferramenta nos diferentes departamentos aos que irá chegando toda a documentación tramitada no Rexistro, mentres que os traballadores continuarán recibindo formación. Tomás Vilariño comparou a implantación da administración dixital no Concello coa á inxección dun medicamento na vea dun paciente, “que ten que recorrer todo o organismo para que funcione de xeito adecuado”. Así, está previsto que durante a próxima semana a eAdministración se comece a aplicar nos departamentos de Secretaría, Intervención e Urbanismo.

Finalmente Vilariño fixo fincapé nos “importantes e complexos cambios que conlevará este proceso no ámbito das relacións entre os administrados e a administración e que precisarán dun cambio de filosofía tanto por parte dos empregados municipais como por parte da cidadanía”. A eAdministración permitirá pór en marcha servizos de xestión electrónica, tales como unha sede electrónica de servizo aos cidadáns ou demais sistemas de trámite e consulta a través da rede, como pode ser a xestión on-line de expedientes e demais documentación sen necesidade de acudir ao concello.

Roteiros de Lalín