ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS MUNICIPAIS COMPLEMENTARIAS AO ESTUDO

Venres 6 de Xullo de 2018 - As persoas interesadas teñen 15 días naturais a partir de mañá para tramitar as demandas. O Concello de Lalín destina un total de 18.000 euros a estas prestacións, que servirán para conceder 225 bolsas por valor de 80 euros cada unha.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informa de que, tras publicarse no Boletín Provincial o extracto das bases reguladoras, se abre o prazo de solicitude das axudas municipais complementarias ao estudo para o curso 2018/19, ás que o Concello de Lalín destina un total de 18.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día de mañá. As persoas interesadas deberán efectuar as súas solicitudes nas dependencias de Benestar do Concello de Lalín entregando a diferente documentación necesaria. Os beneficiarios serán os alumnos e alumnas matriculados en centros educativos do concello de Lalín de familias en situación socioeconómica de dificultade.

Con cargo aos 18.000 mil euros vanse conceder un total de 225 bolsas por valor de 80 euros cada unha. Esta contía será entregada a cada beneficiario mediante un vale a destinar a material escolar, a textos de lectura, vestiario deportivo, calzado, etc. Os vales terán que ser cambiados en librerías ou comercio minorista de Lalín –o que permite que esta iniciativa tamén contribúa á dinamización económica deste sector- e polo importe máximo que figura no documento.

Casares explicou que a concesión das becas farase seguindo “os correspondentes criterios económicos e sociais para cumprir o obxectivo fundamental de que estas axudas beneficien realmente a quen máis o precisa”. González Casares detalla, por exemplo, que “a discapacidade contémplase como elemento de discriminación positiva, así como a maior unidade de membros da unidade de convivencia”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín