ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS MUNICIPAIS Á ORGANIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS EN 2018

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS MUNICIPAIS Á ORGANIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS EN 2018
Venres 14 de Septembro de 2018 - En total o Concello de Lalín destina a esta orde de axudas 10.000 euros.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, vén de informar de que mañá se abre o prazo para solicitar a concesión de axudas municipais para a realización de actividades culturais para o ano 2018. Tras publicarse hoxe no boletín provincial o extracto das bases reguladoras da convocatoria, o período hábil para rexistrar solicitudes pecharase o dúa 8 de outubro. En total, o concello de Lalín destina a esta orde de axudas 10.000 euros. Os beneficiarios son Asociacións culturais legalmente constituídas, os centros públicos de ensino do Concello de Lalín, aquelas entidades ou asociacións que desenvolvan accións de carácter formativo para persoas con necesidades especiais e as ANPAS dos centros públicos de ensino e conservatorios de titularidade pública, que teñan o seu domicilio social en Lalín e estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións na data de publicación da Bases no BOP.

Serán subvencionables exclusivamente aqueles gastos de natureza corrente nos que incorra o beneficiario no desenvolvemento de actividades tales como actuacións, obradoiros, entradas, espectáculos, concertos, alugueiro de equipos, encontros, exposicións, conferencias, xornadas e en xeral, calquera actividade que teña como finalidade a promoción e divulgación dos valores culturais que se teñan desenvolvido ao longo do ano 2018.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación da subvención (30 de novembro), e só se admiten pagos mediante ingreso ou transferencia bancaria. Non se poden realizar pagos en metálico. Para aquelas actividades puntuais que se desenvolvan no mes de decembro a xustificación deberá presentarse dentro dos dez días seguintes ao remate da mesma e, en todo caso, ata o 14 de decembro de 2018.

As solicitudes e demais documentación presentaranse exclusivamente e de xeito obrigatorio nos modelos normalizados establecidos a tal efecto, salvo no caso da memoria da actividade, que poderá presentarse en formato libre sempre que recollan os contidos mínimos que se establecen no modelo da mesma. Ditos modelos facilitaranse no Rexistro Xeral do Concello e na páxina web do Concello de Lalín www.lalin .gal. As solicitudes deberán ser presentadas preferiblemente a través do Rexistro Electrónico do Concello de Lalín. Igualmente serán admitidas aquelas solicitudes presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Lalín.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín