ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS AO TRANSPORTE DE ESTUDANTES

Luns 4 de Septembro de 2017 - Existe a modalidade diaria para as persoas que empreguen o bus de luns a venres e outra semanal, para as que empreguen os bonos dúas veces á semana. As axudas chegarán a cubrir ata o 75% do prezo do pase.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que dende o próximo luns, ata o día 22 de setembro permanecerá aberto o prazo para solicitar as bonificacións ao transporte de estudantes para o curso 2017/2018.s modalidades de bonos para o transporte son dúas: Unha de carácter diario, para as persoas que empreguen o bus de luns a venres e outra semanal, para os que empreguen os bonos dúas veces á semana. Ao abeiro dos convenios que o Concello xestiona con dúas empresas de transporte, estas ofertan unha bonificación xeral do 35% sobre o custo ordinario do prezo do billete en ambas modalidades. Non obstante e, en función da renda, os estudantes poden ter dereito a novos tipos de subvención, a través dos que na modalidade diaria se poderá chegar a alcanzar unha rebaixa de ata o 75% no prezo do pase, mentres que na modalidade semanal, a bonificación poderá alcanzar un 20% a maiores do xa rebaixado polas empresas.

Para realizar as solicitudes, as persoas interesadas deberán presentar nas dependencias de Benestar Social ou no Rexistro Xeral do Concello de Lalín a documentación requerida, entre a que se atopa unha copia cotexada do DNI, NIE ou pasaporte do/a solicitante en vigor, no caso de que sexa a primeira vez que se presenta a solicitude, unha fotografía tamaño carne da/o solicitante, un xustificante de matrícula nos centros de ensino onde se cursen as ensinanzas reguladas na base sexta, ou unha fotocopia da declaración da renda do último exercicio económico.

En vista da boa acollida que tivo nos dous anos anteriores a iniciativa, o Goberno tomou a decisión de incluír novamente nas axudas aos alumnos que cursen ciclos formativos de grao medio que non se impartan en Lalín, co obxectivo de beneficiar ao maior número de cidadáns posible.

Roteiros de Lalín