ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE INSTANCIAS PARA PARTICIPAR NO PROCESO DE SELECCIÓN DE DOUS TITORES DO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO

ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE INSTANCIAS PARA PARTICIPAR NO PROCESO DE SELECCIÓN DE DOUS TITORES DO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO
Venres 4 de Novembro de 2016 - Os aspirantes deberán superar unha fase de oposición e un concurso de méritos curriculares. A iniciativa 'Mocidade Activa' márcase como obxectivo acadar a inserción laboral de, cando menos, 30 persoas en situación de desemprego.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra recolleu onte as bases reguladoras que rexen o proceso de selección de dous funcionarios interinos para a execución e desenvolvemento de diferentes accións formativas enmarcadas no Programa Integrado de Emprego “Mocidade Activa”. Deste modo, tal e como se estipula nas citadas bases, o prazo para presentar instancias de participación no proceso de selección será de 10 días hábiles a contar dende mañá, día 4 de novembro. As bases, ademais de no BOPPO, tamén se poden consultar no taboleiro de anuncios e na páxina web municipal.

A presentación de solicitudes poderá facerse no Rexistro Xeral do Concello de Lalín, ou en calquera das formas establecidas no art. 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común. Para ser admitidos, os aspirantes deberán manifestar nas súas solicitudes de participación que reúnen todas as condicións esixidas na data en que remate o prazo de presentación de instancias. As funcións a realizar polos técnicos de inserción laboral que sexan contratados correspóndense coas actuacións recollidas no Programa Integrado de Emprego “MOCIDADE ACTIVA”, que van dirixidas a favorecer a empregabilidade, a cualificación e a inserción dos mozos participantes no mercado laboral.

Unha vez admitidos no proceso selectivo, os aspirantes deberán enfrontarse a unha fase de oposición que consistirá na realización dunha proba tipo test de carácter obrigatorio e eliminatorio, así como a unha proba de competencias en lingua galega, aqueles que non acrediten previamente o dominio deste idioma. As persoas que superen a fase de oposición pasarán á de concurso, que consistirá na valoración por parte dun tribunal dos méritos curriculares de cada participante.

O Concello de Lalín xa realizou as entrevistas persoais para escoller aos beneficiarios do programa integrado de emprego. O Goberno vai investir, ata o 31 de agosto do 2017, un total de 123.449 euros para o desenvolvemento destas iniciativas. Parte desta cifra, que se dividirá en dúas anualidades, está subvencionada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A iniciativa 'Mocidade Activa' márcase como obxectivo acadar a inserción laboral de, cando menos, 30 persoas en situación de desemprego. É, en concreto, xusto a metade do número total de participantes neste programa: 60 parados menores de 30 anos, dos que o 50 por cento deberán ter baixa cualificación. O programa integrado desenvolvido o ano pasado acadou as cifras previstas, conseguindo a inserción laboral do 50% dos participantes.

Roteiros de Lalín