ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO ROTEIRO DE SOUTOLONGO, QUE SE CELEBRA O DÍA 28

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO ROTEIRO DE SOUTOLONGO, QUE SE CELEBRA O DÍA 28
Venres 12 de Maio de 2017 - Trátase dunha andaina moi completa que visitará pazos, castros, mámoas e outros espazos naturais e patrimoniais de omito interese. Habilítanse 3 percorridos diferentes, un curto de 12 quilómetros, un medio de 17 e un longo de 22.

Roteiros de Lalín vén de abrir o prazo de inscrición para participar no roteiro de Soutolongo, que se vai celebrar o domingo, día 28 de maio. As persoas interesadas poden apuntarse, coma sempre, a través do portal web, www.roteiros.lalin.gal.

Trátase da décimo cuarta andaina desta iniciativa impulsada polo Concello de Lalín que permitirá aos participantes realizar un percorrido circular con inicio e final en Soutolongo, concretamente no lugar de Vista Alegre, no local social, que foi en tempos unha escola axudada a construír pola emigración. É unha andaina moi completa en todos os sentidos. Pasará polos pazos de Soutolongo e de Des e polos castros de Soutolongo e Vilar. Veranse mámoas e percorrerase o camiño real ou dos arrieiros. As persoas participantes desfrutarán de fermosas carballeiras e soutos que se irán sucedendo case ata o infinito e realizarán un tramo de mi alto valor ecolóxico e botánico a carón do río Asneiro, pasando pola antiga fábrica da luz, entre moitos outros lugares.

A ruta contará con tres itinerarios diferentes; un curto de 12 quilómetros e 3 horas de duración, un medio de 17 e unhas 4 horas e un longo de 22 quilómetros e 5 horas aproximadas de duración.

Lémbrase aos participantes que, aínda que polo momento non están rematadas as bases, xa se poden ir tomando fotografías coa idea de presentalas ao concurso fotográfico de Roteiros de Lalín. O obxectivo desta proposta é o de difundir esta iniciativa e, ao mesmo tempo, promocionar os valores do programa: natureza, rural, patrimonio, saúde e deporte. Trátase dun concurso amateur que contará cun xurado formado por expertos en fotografía, documentación histórica, territorio e natureza de Lalín e Deza. Os premios do concurso non serán en metálico e consistirán en regalos ou viaxes, establecéndose varias categorías: Premio Roteiros de Lalín, Premio Roteiros Natureza, Premio Roteiros Patrimonio e Premio do Público.

Roteiros de Lalín