40 MENORES PODERÁN PARTICIPAR NO CAMPAMENTO DE NADAL DO CONCELLO DE LALÍN QUE SE CELEBRARÁ ENTRE O 21 E O 30 DE DECEMBRO

Luns 28 de Novembro de 2016 - As persoas interesadas deberán realizar as súas inscrición do 1 ao 14 de decembro no concello.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informou hoxe de que o próximo día 1 de decembro se abre o prazo pra inscribirse no campamento de nadal que organiza o Concello de Lalín. A data límite para apuntarse é o 14 de decembro. As persoas interesadas deberán realizar as matriculacións en horario de 08.00 a 15.00 horas, no concello de Lalín.

En total ofértanse 40 prazas para menores de 5 a 9 anos de idade, ambos inclusive. O prezo de inscrición é de 30 euros e de 20 por cada irmán inscrito. As actividades do campamento terán lugar os días 21, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, na casa da xuventude, en horario de 16.00 a 20.00 horas. Entre as actividades que se realizarán destacan as manualidades navideñas, cociña creativa, xogos predeportivos, visitas por Lalín, como por exemplo á Residencia Nosa Señora das Dores para facer actividades interxeracionais e moitas outras nas que se primará a boa convivencia entre os participantes. Con este tipo de actividades trátase de facilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar entre as persoas lalinenses, ofertando actividades de ocio educativas durante as vacacións de Nadal.

González Casares, destacou a realización este ano por parte do Concello “dun esforzo sen precedentes nos campamentos xuvenís, investindo 46.000 euros para as actividades e ofertando en total 535 prazas para nenos e mozos, das que 222 foron totalmente gratuítas”.

Roteiros de Lalín