300 PERSOAS OPTAN AOS POSTOS DE TRABALLO DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

300 PERSOAS OPTAN AOS POSTOS DE TRABALLO DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN
Martes 23 de Febreiro de 2016 - O día 25 os aspirantes preseleccionados deberán realizar unha proba teórica que, no caso de superar, lles dará paso a outra de tipo práctico. O mércores inaugúrase o Viveiro de Empresas e comezan as xornadas do emprendemento, coincidindo coa Semana Europea das PEME. Katia Procino animou aos lalinenses a participar nesta actividade formativa que ten o obxectivo de promover o emprendemento, a competitividade e a innovación.

Unhas 300 persoas de diferentes especialidades laborais preseleccionadas polo SEPE déronse cita ao longo desta mañá no concello para participar na primeira fase do proceso selectivo de 34 traballadores que Lalín contratará a través do plan de Concellos da Deputación. Nesta primeira fase os técnicos municipais de emprego ofrecéronlles aos aspirantes charlas informativas nas que se lles explicou minuciosamente o sistema a través do que se articulará a selección de persoal.

Así, os candidatos ás diferentes prazas están citados de novo o vindeiro día 25 para participar nunha proba teórica tipo test. As persoas que superen este exame deberán pasar con posterioridade outra proba de carácter práctico adaptada as distintas modalidades laborais. Esta previsto que unha vez rematado o procedemento, os contratados poidan incorporarse aos postos de traballo nas primeiras semanas do mes de marzo. A selección de traballadores estase a realizar mediante un proceso totalmente aberto buscándose que nel participasen o maior número de cidadáns. Os contratos terán unha duración aproximada de 9 meses, finalizando o 31 de decembro de 2016.

A elección dos 34 postos de traballo aos que opta Lalín levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Deste xeito, decidiuse priorizar no reforzo da brigada de obras e crear, como novidade, unha brigada ambiental, ademais de resolver cos novos contratos as necesidades de persoal dos servizos xerais.

A nómina de traballadores solicitados segundo a súa ocupación profesional foi a seguinte: 4 contratos de persoal de limpeza, 5 recepcionistas, 3 auxiliares de información turística, 4 auxiliares administrativos, 1 socorrista, 4 xardineiros, 7 albaneis, 1 carpinteiro, 1 tractorista/ manipulador agrícola, 1 soldador e 3 pintores.

Viveiro de empresas

Por outra banda, tamén en relación co emprego e as oportunidades laborais, lembrou a concelleira de Emprego, Katia Procino, que o día 24 a partir das 10.00 horas, se inaugura o Viveiro de Empresas de Lalín, coincidindo coa celebración da Semana Europea das PEME. Ao acto asistirán a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o director Xeral da Fundación Incyde, Javier Collado. Deste xeito, paralelamente á inauguración oficial do centro, terán lugar os días 24 e 25 unhas xornadas adicadas ao emprendemento ás que a concelleira convidou a asistir a todas e todos os lalinenses interesados, debido ao aproveitamento e interese que estas actividades formativas teñen para o desenvolvemento do emprego nos municipios, a inserción social dos novos traballadores e a posta en marcha de novos proxectos empresariais.

A Semana Europea das PEME é unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea co fin de fomentar o emprendemento en Europa. A súa misión é ofrecer un marco común aos eventos organizados que teñan como obxectivo promover o emprendemento, a competitividade e a innovación e que desexen integrarse dentro dunha marca e un contexto europeo.

Esta iniciativa ten entre os seus obxectivos:

  • Informar aos potenciais emprendedores e ás pemes das axudas existentes para impulsar a súa actividade empresarial

  • Promover o emprendemento como unha opción de carreira profesional

  • Dar recoñecemento a todos aqueles emprendedores e empresarios que contribúen á xeración de riqueza en Europa, á creación de postos de traballo, á innovación e á competitividade

Roteiros de Lalín