16 EMPRESAS PRESÉNTANSE PARA A EXECUCIÓN DA NOVA FASE DE URBANIZACIÓN DA PRAZA DE GALICIA

Xoves 26 de Abril de 2018 - A actuación prevista forma parte do programa de iniciativas que permitirán embelecer o casco urbano e facer de Lalín unha vila moito máis atractiva. Está previsto que a adxudicación deste proxecto se realice de xeito definitivo no prazo aproximado dun mes e medio.

Tras finalizar o prazo para a presentación de ofertas, onte tivo lugar no Concello a primeira mesa de contratación do proxecto da terceira fase de urbanización da Praza de Galicia. Como informou o alcalde, Rafael Cuíña, que presidiu a mesa, en total rexistráronse 16 propostas empresariais para optar á adxudicación deste proxecto urbanístico que conta cun orzamento de 170.000 euros procedentes do superávit 2016 e que se van executar como investimento financeiramente sostible. Agora, ábrese un prazo de estudo e análise das ofertas presentadas, así como un período para solicitar máis documentación ás empresas, de ser necesario, co obxectivo de convocar unha nova xuntanza da mesa de cara a semana que vén. Con todo, está previsto que a adxudicación deste proxecto se realice de xeito definitivo no prazo máximo dun mes e medio, xa que o procedemento é tedioso, ao rexistrarse un número tan alto de ofertas. A obra comezará a executarse durante o verán.

A actuación prevista forma parte do programa de iniciativas que -tal e como xa anunciaran o alcalde, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares- permitirán embelecer o casco urbano e facer de Lalín unha vila moito máis atractiva mediante diferentes actuacións de humanización como o executado en Matemático Rodríguez ou os que se van desenvolver nas rúas Principal e Joaquín Loriga este ano.

O deseño da proposta foi deseñada polo arquitecto paisaxista Martín Toimil. O proxecto inclúe unha nova zona de axardinamento central de maior extensión, cunha zona de anfiteatros e pequenos montículos, así como novas plantacións de árbores, un paso central de formigón e melloras na iluminación. O obxectivo é converter este espazo público nunha praza máis apracible, utilizable e humanizada, para facer dela un lugar de encontro e de lecer para todos os lalinenses a través dun proxecto que encaixa dentro da filosofía de modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións teñen sempre como prioridade as persoas.

Cuíña e Casares lembraron que o prego de contratación do proxecto de urbanización da Praza de Galicia inclúe entre os criterios de mellora que poden presentar as empresas para optar á súa adxudicación, a subministración e plantación dunha unidade dun carballo (quercus rubur). A árbore deberá ser subministrada pola empresa en estado avanzado de crecemento, debendo alcanzar o seu tronco unha circunferencia de entre 30 e 35 centímetros. Así mesmo, deberá ser un exemplar seleccionado pola súa regularidade tanto no seu tronco como na súa masa floral. A empresa deberase encargar de do seu transporte e da súa plantación, así como do seu coidado ata a data de recepción da obra.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín