16 CLUBS BENEFÍCIANSE DAS AXUDAS DEPORTIVAS DO CONCELLO ÁS QUE SE DESTINAN 70 MIL EUROS

16 CLUBS BENEFÍCIANSE DAS AXUDAS DEPORTIVAS DO CONCELLO ÁS QUE SE DESTINAN 70 MIL EUROS
Mércores 11 de Outubro de 2017 - Medela e Casares fixeron fincapé en que o Goberno segue apostando polo reforzo do deporte base e o proxecto social dos clubs.

O Concello de Lalín vén de aprobar a adxudicación definitiva de subvencións municipais destinadas ao desenvolvemento e realización de actividades deportivas para a tempada 2017/2018. En total destináronse a esta orde de axudas 70.000 euros, a mesma cantidade que o ano pasado e 10.000 euros máis que no ano 2015. Finalmente resultaron beneficiadas 16 clubs deportivos do municipio, todos os que solicitaron a prestación nos prazos e na forma establecida no regulamento das subvencións. Tal e como sinalan os concelleiros delegados de Deportes, Miguel Medela e Nicolás González Casares as axudas deportivas municipais deste ano teñen carácter continuista con respecto ao exercicio anterior, mantendo os 70 mil euros de asignación económica e a firme aposta polo deporte base, de tal xeito que, por segundo ano consecutivo se abriron dúas liñas de axuda: unha dotada con 50.000 euros para entidades que fomenten o deporte base e a integración social e outra dotada con 20.000 para outros clubs e actividades deportivas.

O Goberno mantén a filosofía de dar prioridade a aqueles clubs que fomentan e que manteñen unha estrutura de deporte base”. “Tamén se teñen moi en conta aquelas entidades con sección feminina e as que mostran un destacado proxecto social e deportivo”, explicaron, os concelleiros de Deporte.

Así, colléndose á modalidade de deporte base, o club que alcanzou unha maior puntuación foi novamente o Club Balonmán Lalín, que recibirá 23.753 euros, 483 máis que o ano pasado. Destacar que este equipo de referencia no balonmán galego mantén unha estrutura base con centos de nenas e nenos, polo que o Goberno Local aumentou dende o 2015 a prestación a esta entidade en máis dun 15%. Pola súa parte a Escola de Fútbol Lalín, outra entidade que forma a centos de menores, beneficiarase con 11.571 euros, chegando así á máxima cantidade solicitada. O Club Rugby Lalín alcanzará este ano 8.006,60 euros (500 máis que en 2016), Basketdeza recibirá 4.222,75, a Escola de Xadrez de Lalín 1.097,25 o Club Hípico Juan Oliveira 957,60 e o Club A Peniza 359,10 euros.

Acolléndose á subvención para outras entidades e clubs deportivos, o Club Deportivo Lalín obterá 11.003 euros. Pola súa banda a Escudaría Lalín-Deza recibirá 2.986,50, fronte aos 1.621 que recibiu hai 2 anos. Destacan os 2.013 euros cos que se vai beneficiar por primeira vez o club de ciclismo de montaña Extol-La Gramola Team, que conta nas súas filas con Javi Busto, campión de Europa Máster de BTT. O Vilatuxe CF obterá 1.278, Móvete na moto 759, Herdeiros de Dhais F.G 720,75, Club Sobre Rodas 594 e o Club Deportivo de Veteranos de Bermés 255,75.

O Goberno municipal é consciente da importancia do deporte como garante de saúde, calidade de vida e desenvolvemento social, así como do ligada que está a actividade deportiva aos clubs do concello. Neste senso, o executivo aposta polo deporte como unha clara prioridade, procurando a mellora da oferta deportiva en instalacións, formacións e acceso a actividade saudable, apostando, ademais, pola organización de eventos deportivos de referencia no municipio que contribúen á atracción de visitantes e á dinamización socioeconómica de Lalín.

Roteiros de Lalín