13 EMPRESAS OPTAN ÁS ACTUACIÓNS DE MELLORA NO CANDÁN E 10 Á CONSTRUCIÓN DUNHA PISTA MULTIDEPORTE NO APARCADOIRO ALDEA GRANDE

13 EMPRESAS OPTAN ÁS ACTUACIÓNS DE MELLORA NO CANDÁN E 10 Á CONSTRUCIÓN DUNHA PISTA MULTIDEPORTE NO APARCADOIRO ALDEA GRANDE
Martes 29 de Agosto de 2017 - O primeiro proxecto contempla a ampliación e mellora da rede de sendeiros do Candán, ademais de iniciativas dirixidas ao desenvolvemento dos usos recreativos e veciñais neste espazo. A pista deportiva será de céspede artificial e permitirá a práctica de tenis, fútbol sala ou baloncesto.

Este venres reuniuse a mesa de contratación para abrir as ofertas económicas do proceso de licitación das actuacións na rede de sendeiros do Candán e melloras en Bustelos, Vilatuxe e Zobra na súa primeira fase. Así mesmo, abríronse as plicas coas ofertas para a construción dunha pista multideporte na parte superior do aparcadoiro público Aldea Grande. No primeiro casos son 13 as firmas que optan a facerse co proxecto, mentres que no segundo concorren un total de 10.

As actuacións no Candán contemplan a ampliación e mellora da súa rede de sendeiros, ademais doutras dirixidas ao desenvolvemento dos usos recreativos e veciñais en varios puntos deste espazo da Rede Natura, como son os montes de Vilatuxe, Bustelos e Zobra. O proxecto enmárcase dentro do denominado “Plan Candán”, que conleva nesta primeira fase unha inversión de máis de 100 mil euros. Como se dixo, un dos eixos de actuación máis importantes deste programa consiste en aumentar e mellorar a rede de sendeiros do Candán co acondicionamento e dotación de sinalización homologada en varios treitos. Outra das actuacións máis relevantes do proxecto anunciado polo Concello de Lalín é o acondicionamento do mirador natural de Pedroselo, que se ubica a 716 metros de altitude e ao que se accede dende o Campo da Armada, lugar onde existe un fermoso camiño que tamén será arranxado. Así mesmo, prevese a construción dun depósito de auga en Zobra, a petición da comunidade de montes.

Por outra banda, o Goberno de Lalín vai construír unha nova pista de multideporte na planta intermedia exterior do aparcadoiro Aldea Grande, un espazo diáfano de 78 metros de lonxitude libre de obstáculos que, polo tanto, se adapta á perfección para acoller esta nova instalación lúdico-deportiva. A infraestrutura terá un custe de 59.000 euros e será sufragada con cargo a unha baixa da Rolda Leste. As actuacións a executar, ademais daqueles traballos previos necesarios para adecuar o terreo de cara o comezo das obras, consisten no subministro dunha moqueta de céspede artificial cor verde con características adecuadas para a práctica de tenis, fútbol sala ou baloncesto. Así mesmo, instalarase na pista un cerramento exterior executado en taboleiro de gran resistencia ao desgaste, nula absorción de auga e excelente comportamento fronte ao ruído. A pista dotarase con dúas canastras de baloncesto tipo americano antivandálicas e con dúas porterías de fútbol sala ou balonmán coas súas respectivas redes antivandálicas.

Esta nova infraestrutura de xogos vai ser de gran utilidade para a cidadanía, en gran medida, por ser a única instalación deportiva deste tipo situada nun punto totalmente céntrico da vila. Deste xeito, o espazo deportivo axudará a desconxestionar outros espazos lúdicos como o parque da Praza da Vila, o máis utilizado polos nenos e nenas en Lalín. Prevese que a súa construción estea finalizada antes de rematar o ano. 

Roteiros de Lalín